O Grupo Integrado de Enxeñaría da Universidade da Coruña conmemora este venres, 10 de maio, a partires das 11:00 horas, no Salón de Actos Concepción Arenal do Campus de Ferrol, o seu 25 aniversario cun acto no que as empresas e as institucións colaboradoras así como as persoas que o integran terán un especial protagonismo. O reitor da Universidade da Coruña, Ricardo Cao, será o encargado de inaugurar este evento xunto coa vicerreitora do Campus de Ferrol e Responsabilidade Social, Ana Ares, e co vicerreitor de Investigación e Transferencia, Jerónimo Puertas.
O programa do acto inclúe a charla do director xeral da empresa de enxeñaría especializada en apertamento e selado industrial Texas Controls, Frank Fernández, unha das primeiras firmas coas que colaborou o Grupo Integrado de Enxeñaría da Universidade da Coruña. Tamén intervirá o seu coordinador, Richard Duro, quen fará un breve percorrido pola historia deste grupo de investigación ao longo dos últimos 25 anos. Con todo, o momento máis especial do evento chegará coa entrega de galardóns, un recoñecemento co que, segundo manifesta a organización do mesmo, queren “agradecer a colaboración e o apoio incondicional de empresas, institucións e, sobre todo, das persoas vinculadas directamente ou indirectamente grupo de investigación durante todos estes anos.”
Un equipo multidisplinar e multidepartamental integrado por 55 investigadores e investigadoras
O Grupo Integrado de Enxeñaría da Universidade da Coruña está conformado por un equipo multidisciplinar e multidepartamental de 55 persoas investigadoras vinculadas a distintas áreas de coñecemento tales como a enxeñaría naval e industrial, a computación ou a organización da produción. Unha parte dese persoal investigador está adscrito ao Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC), situado no Campus da Coruña, e a outra ao Centro de Investigación en Tecnoloxías Navais e Industriais (CITENI), emprazado no Campus de Ferrol.
Desde a súa creación, en 1999, o Grupo Integrado de Enxeñaría da Universidade da Coruña ten traballado no eidos da enxeñaría naval, a enxeñaría de fluídos, a organización industrial e da produción, a robótica ou a Intelixencia Artificial. Con todo, o seu obxectivo primordial é o de continuar coa investigación interdisciplinar avanzada na fronteira entre diversas áreas cunha marcada vocación de contribuír á mellora tecnolóxica da industria na súa contorna máis próxima e á formación de doutores e doutoras de nivel internacional.
Ao longo dos últimos anos, o Grupo Integrado de Enxeñaría da Universidade da Coruña ten formalizado máis de 150 contratos para a realización de proxectos en colaboración coa industria e, ao mesmo tempo, ten recibido financiación pública para a posta en marcha de máis de 100 proxectos de investigación en colaboración con máis de 70 grupos nacionais e internacionais. A día de hoxe, o persoal investigador deste grupo está a traballar en oito proxectos europeos e internacionais, coordinando tres deles.
Como resultado do seu traballo, ao Grupo Integrado de Enxeñaría da Universidade da Coruña fóronlle concedidas cinco patentes de ámbito internacional solicitadas en colaboración con distintas empresas galegas, 38 rexistros de software e liderou a creación de tres empresas spin-off. A isto, cómpre sumarlle o feito de que os seus integrantes teñen organizado ou coorganizado 16 congresos internacionais e participado nos comités científicos e técnicos de máis de 120. A maiores, algúns dos membros do grupo de investigación forman ou formaron parte no pasado dos comités reitores de asociacións e organismos internacionais tales como a International Maritime Organization (IMO) ou a International Neural Network Society (INNS).
Foto portada: Parte do persoal investigador que conforma o Grupo Integrado de Enxeñaría da Universidade da Coruña diante do Edificio de Talleres do Campus de Ferrol, espazo onde teñen situada a súas oficinas e boa parte dos seus laboratorios.