Sober, un lugar ideal para o retiro

por Gonzalo Soto

@gonzalogsoto

Este xoves, a vila de Sober acolle un foro de estudo do potencial do noso medio rural, organizado polo Centro de Estudos Superiores Universitarios de Galicia (CESUGA), do que é o seu presidente e mentor o economista Venancio Salcines. Os seus patrocinadores:  XUNTA DE GALICIA, CESUGA, Cobre San Rafael, DEST-Pople, ENCE-enerxía&celulosa, HR Hijos de Rivera (Estrella Galicia), Leche Río, Santander e Vegalsa (Eroski). O lugar escollido reúne todos os ingredientes para ese encontro e calquera outro: gastronomía, paisaxe, patrimonio e uns viños que espertan os mellores sentidos  e emocións; un lugar,  outrora habitado polos romanos do que aínda se conservan as súas pegadas pétreas e os gustos culinarios.

 A parte institucional tanto do PP como do PSOE estivo representada por altos cargos do goberno galego co Conselleiro de Emprego, José González e de Medio Rural María José Gómez, a mesma que nos elevou a todos os galegos e galegas a pirómanos, dicindo que formaba parte do noso ADN. Dado o contido e os obxetivos deste encontro, o máis difícil de conciliar e  xustificar e, incluso, entender, é a presencia socialista, representada pola Subdelegada do goberno, Isabel Rodríguez e Pablo Rivera, deputado provincial e responsable da área de promoción económica e social da Deputación Provincial de Lugo, encargado de defender o posicionamento no Pleno da Deputación no que se rexeitou a instalación do proxecto Gama-Altri en Palas de Rei; unha presencia que, sen dúbida, vai ser vista con receo polos numerosos opositores a este polémico proxecto, un risco innecesario que suma o PSOE á súa maltreita situación política.

 Tamén cómpre dicir  que os perfís e obxectivos da maioría dos patrocinadores deste evento, non se axeitan aos valores que agocha a Ribeira Sacra, agás da señora Lence, que debería ser máis selectiva no investimento do seu peculio para a promoción de certas actividades, como son as lesivas para o territorio e a economía sostible, feito que concorre na Ribeira Sacra, aspirante a ser Patrimonio Mundial. Pois como podemos observar, moitas das empresas promotoras  teñen sobradamente acreditados os altos niveis de degradación do medio onde exercen a súa actividade (ex. ENCE e San Rafael), sectores  que atopan o apoio explícito e interesado do organizador destas xornadas, pois xa tén manifestado o seu decidido apoio a Altri en pleno Camiño de Santiago, feito que tén levantada á maioría da  poboación e o cuestionamento da comunidade científica máis autorizada. Poñámoslle unha  vela á  Virxe  da nosa señora das Cadeiras, para que estas xentes non poñan os seus ollos na Ribeira Sacra e nos canóns do Sil, e manden ao garete a declaración de Patrimonio Mundial daqueles fermosos lugares, obxectivo para o que están a traballar con tanto rigor e profesionalidade solventes expertos.

 É certo que no medio rural necesítanse ideas e apios para levalas a termo, mais sóbranlle  redentores coma os alí reunidos que só buscan os seus recursos para logo transformalos en países sen protección social e man de obra barata. Exemplos sóbrannos, non sí?

 Galicia foi tantas veces obxecto de espolio dos seus recursos e tamén das súas xentes, e agás  honrosas excepcións, a rendabilidade económica e social, traducida nun asentamento de poboación estable e con futuro, é seriamente cuestionable e contrastable, pois a realidade fáctica e os datos,  son elocuentes. Os operadores sofisticados deste tipo de desfeitas son cada vez máis potentes, pois contan con gobernos de baixo perfil e sen un modelo produtivo para un desenrolo socioeconómico sostible e respectuoso co medio ambiente, un reto que o goberno galego debería ter presente, feito que a evidencia pón en cuestión; véxase, pois, o seu incondicional apoio a Altri.

 Por razóns do meu dilatado oficio, lembro as miñas visitas á Terra Cha luguesa por mor doutra xoia, o proxecto mineiro de Erimsa para a extracción de seixo (cuarzo) a ceo aberto en preto de seis mil hectáreas, en pleno corazón daquela rica comarca agrogandeira, un referente da Galicia produtiva, con milleiros de empregos vencellados a este sector.  O señor Salcines é coñecedor daquel proxecto, habida conta da súa defensa indiscriminada ao sector da minería. A señora Lence tamén debería ser coñecedora del e doutros, de aí a miña especial mención. Aquel proxecto foi paralizado grazas á cívica e firme oposición da veciñanza chairega e á Administración autonómica e Local que ao final decatáronse, que non todo o monte é ourego.

Hoxe, o proxecto Gama-Altri non vai ser alleo ao foro de Sober, pois xa o tén mentado o seu organizador, e o ambiente coral vai ser unánime, pois os seus actores e figurantes foron previamente seleccionados  ad hoc. Non sei que pintan nesta cerimonia algúns gandeiros, seguro que altamente subvencionados e dependentes da coima pública coa que contribuimos todos e todas. As veciñas e veciños  da Ulloa e das outras zonas afectadas non son merecentes disto, senón da solidaridade das xentes con conciencia do país que queremos construír, transmitirlo como legado e non como hipoteca ás xeneracións futuras.

Foto portada. Concello de Sober

Etiquetas
Comparte éste artículo
Escribe tu comentario