Os alumnos e alumnas do grao medio en Instalación e Amoblamento do I.E.S. Rosalía Mera, centro que depende da Deputación provincial da Coruña, realizan desde hai semanas traballos de conservación, consolidación e documentación dos bancos de carácter histórico do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG). Esta iniciativa busca proporcionar valor engadido ao proceso de restauración do mobiliario e seguir achegando o sistema xudicial á cidadanía. Para coñecer mellor a historia do edificio que alberga os bancos que están a restaurar como parte da súa formación práctica, o alumnado do centro educativo visitou hai uns días o Palacio de Xustiza. O percorrido polo inmoble centrouse nos espazos onde hai elementos de madeira máis antigos: salas de vistas, despacho presidencial e capela.
Gran parte do mobiliario do Palacio de Xustiza, hoxe sede do Tribunal Superior galego, foi deseñado polo propio arquitecto da obra, Julio Galán, quen concibiu os elementos externos e internos do edificio como un todo. Consérvase documentación de catro modelos de bancos, pensados cada un para unha función diferente, e polo menos un exemplar de cada deseño presérvase a día hoxe no TSXG.
O actual proxecto de conservación, no que tamén colabora a Xunta de Galicia, propietaria do edificio, seguirá en activo ata que o alumnado do Rosalía Mera revise todos os bancos. Foi autorizado pola Sala de Goberno do TSXG tras o estudo realizado do estado dos bancos.