Os deputados populares cren nas posibilidades deste territorio e apostan por apoiar dende as administracións as solucións aos retos do sector turístico e vitivinícola
Unha importante parte dos Concellos da provincia de Lugo forma parte da Ribeira Sacra, un territorio con características propias e ben marcadas a nivel cultural, social, patrimonial -histórico e artístico- ou natural e estreitamente relacionado coa produción vitivinícola amparada pola Denominación de Orixe que leva o seu nome (DOP Ribeira Sacra). Estas características fan da Ribeira Sacra un territorio cun destacado potencial turístico. Ademais, recentemente o Consello do Patrimonio Histórico Español acordou por unanimidade que a candidatura Paisaxe da auga: Ribeira Sacra sexa a proposta conxunta de España para a súa presentación ante a UNESCO e optar así a ser recoñecida como Patrimonio Mundial.
O Partido Popular cre nas posibilidades da Ribeira Sacra e aposta por potenciar os seus recursos de forma conxunta e coordinada dende as administracións públicas. Nese sentido, os deputados do Grupo Provincial Popular defenden a elaboración e posta en marcha dun plan de impulso dende a Deputación de Lugo para potenciar os recursos propios da Ribeira Sacra e contribuíndo a dar solución aos retos actuais do sector turístico e vitivinícola en colaboración con outras administracións e que recolla apoios dende o punto de vista institucional, administrativo, económico e das infraestruturas públicas.
Os deputados populares analizaron durante unha visita a Pantón a falta de rendibilidade dos pequenos produtores vitivinícola debido aos custes de explotación, que ademais teñen que facer fronte a outras dificultades coma a xestión dos excedentes. A diversificación da actividade das adegas pode constituír unha boa solución e, neste caso, o enoturismo pode permitir xestionar e potenciar a riqueza do territorio; xa que a gastronomía e o viño son uns elementos importantes á hora de explorar un destino turístico.
Dende o PP cren que “a Deputación Provincial ten un papel fundamental para poder afrontar estes retos, apoiando aos municipios da Ribeira Sacra, escoitando e dando solucións aos produtores e buscando apoios de todas as administracións afectadas como a Xunta de Galicia, o Goberno Central ou a Confederación Hidrográfica”. O portavoz, Antonio Ameijide, cre que “a Deputación non pode quedar unha vez máis sendo a única administración que non fai nada ao respecto dun proxecto vital como este para a provincia”.
Ameijide subliña que “dende a Deputación temos a obriga de ser o motor tractor que tire da provincia, que impulse os nosos territorios e que poña en valor e enxalce as súas bondades. Cando gobernamos esta institución traballabamos así e dende o Grupo Provincial imos a traballar arreo para que isto volva ser así”.
Os populares advirten tamén da necesidade de regularizar a situación de bodegas e instalacións. Neste sentido, “as administracións poden colaborar na axilización dos trámites administrativos e no recoñecemento da identidade propia da Ribeira Sacra nas normativas afectadas”.
OUTRAS RECLAMACIÓNS
Os deputados do Partido Popular xa teñen reclamado ao goberno provincial a mellora das estradas titularidade da Deputación de Lugo para facilitar a comunicación de veciños e visitantes en condicións de seguridade, o acceso aos recursos naturais ou patrimoniais de interese turística e o desenvolvemento de iniciativas empresariais coas que cubrir a demanda de servizos e crear riqueza no territorio da Ribeira Sacra.
Así mesmo, demandan ao goberno da Deputación de Lugo máis implicación na promoción turística e apoio económico á vista de que nos orzamentos para o 2024 “conxelaron o investimento para información e promoción turística”.