A portavoz de Política Forestal do Grupo Socialista, Carmen Dacosta, vén de tildar de “incoherente e lesiva” a supresión da Axencia Galega da Industria Forestal -Xera- para ser absorbida pola Consellería de Economía. Dacosta vén de presentar unha serie de iniciativas parlamentarias para reclamarlle ao goberno galego que explique esta decisión, en contra dos compromisos adquiridos durante a campaña electoral.
Carmen Dacosta advirte que esta decisión, que tomou o presidente da Xunta o pasado 22 de abril, supón “un gran paso atrás na aposta polas políticas públicas ligadas ao monte e á industria da madeira”.
A responsable socialista sinala que a disolución do ente, co que as competencias pasan a ser asumidas ao departamento de Economía, vai “en contra da liña de impulso do aproveitamento do monte que o presidente da Xunta dicía na campaña electoral que ía reforzar. Pregunto neste sentido “onde queda o compromiso asumido polo goberno galego de que a iniciativa pública sirva de exemplo da privada para estender novos usos do monte”.
Carmen Dacosta considera “incomprensible” que o goberno galego “opte por suprimir este organismo no canto de incrementar o seu orzamento”, para reforzar o seu papel como instrumento de xestión eficiente no exercicio de funcións relacionadas co impulso da actividade económica asociada á industria forestal, a mellora da competitividade e da innovación das empresas do sector e coa coordinación dos centros de investigación vencellados ao sector.
A parlamentaria socialista criticou o “abandono” do monte por parte do goberno galego, e reclamou unha verdadeira estratexia de impulso da competitividade e a innovación as empresas do sector dende a primeira fase de transformación deste recurso que se estenda ao resto do ciclo produtivo. Pediu o impulso de iniciativas industriais con solucións estruturais verdes que revertan na creación de emprego de calidade do medio rural.