Ameijide esixe a Tomé “preocupación real” polas estradas provinciais e o arranxo das súas vías en Baralla

por Redacción Lugo

Os deputados Antonio Ameijide e Jesús Núñez, xunto ao alcalde de Baralla Miguel González, comprobaron “o nulo mantemento” que o goberno de José Tomé realiza das estradas provinciais neste municipio

O mantemento das estradas provinciais segue a ser unha tarefa pendente para o goberno de José Tomé. Independentemente do municipio polo que discorren estas vías, coa excepción de Monforte onde é alcalde o presidente da Deputación, todas presentan eivas importantes por mor da falta de mantemento.

Neste caso, os deputados populares Antonio Ameijide e Jesús Núñez visitaron Baralla xunto ao alcalde do municipio, Miguel González e comprobaron as numerosas deficiencias que presentan as estradas de titularidade da Deputación neste municipio.

Como noutras localidades, as fochancas son habituais, provocando riscos para os condutores que, engadido a que se trata de estradas que percorren por zonas de montaña “deberían de estar nun perfecto estado de mantemento”.

Dende o goberno provincial anunciaron o arranxo e mantemento de calidade na LU-P-0503, que foi a xunta de goberno do pasado venres, pero só para unha rehabilitación superficial con grava, segundo o anunciado por PSOE e BNG, demostrando así “un trato totalmente discriminatorio en comparación cos arranxos e melloras que adoitan facer nas estradas de concellos gobernados polos seu partidos”.

Tras coñecer o anuncio do arranxo da estrada LU-P-0503 (Baralla-Pol-Vilaesteva) os populares tamén piden que se teña en conta a LU-P-0504 (Aranza-Vilar de Francos), tamén moi transitada xa que dá acceso a varias explotacións agrarias.

Indican os deputados populares que “o perigo” nas estradas provinciais é evidente e está aí a diario para os miles de condutores que empregan esta rede de estradas. “Unha situación á que chegamos pola desidia e falta de mantemento do goberno de PSOE e BNG á fronte da Deputación de Lugo”, denunciaron.

Neste senso, recordan que “urxe unha preocupación real” pola garantir a seguridade nas estradas provinciais xa que “no caso de que algún día haxa que lamentar un accidente grave a responsabilidade será do presidente da Deputación, do PSOE e do BNG por tantos anos de abandono ao mantemento e a seguridade nas vías provinciais”.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario