O voceiro do Grupo Socialista sinalou, nunha comparecencia acompañado polo eurodeputado Nicolás González Casares, a necesidade dun acordo de país sobre o idioma para “evitar que o noso maior patrimonio inmaterial siga esmorecendo”
O portavoz do Grupo Socialista no Parlamento de Galicia, José Ramón Gómez Besteiro, anunciou hoxe unha batería de iniciativas en defensa do uso do galego nas institucións, especialmente nas europeas. Durante unha comparecencia ante os medios esta mañá, na que estivo acompañado polo eurodeputado e candidato nas eleccións europeas Nicolás González Casares, lembrou que o vindeiro venres se cumpren 161 anos da publicación dos Cantares gallegos de Rosalía, co Día das Letras dedicado a Luísa Villalta, nun momento no que a lingua atravesa un momento delicado. “Nas últimas dúas décadas, a porcentaxe de falantes descendeu arredor de dez puntos”, recordou.
O voceiro socialista esgrimiu ese dato como unha das razóns polas que propuxo a todos os grupos políticos, ao inicio desta lexislatura, un gran acordo de país en defensa do idioma. “Non podemos deixar que o noso maior patrimonio inmaterial siga esmorecendo ano tras ano pola falta de falantes”, argumentou.
No tocante a este asunto, para Besteiro, “o primeiro é dar exemplo dende as institucións”, polo que criticou que “quen di promover o uso da lingua e se opón a que sexa oficial no Congreso ou no Parlamento Europeo perde toda a credibilidade, e iso foi o que fixo o Partido Popular de Rueda e Feijoo”.
Entre as medidas que preparan os socialistas, destacou que hoxe mesmo rexistraron no Parlamento galego unha proposición non de lei para que o galego sexa recoñecido como lingua oficial da UE. A través dela apoian as iniciativas que ata o de agora despregou España, tanto no Parlamento Europeo como no Consello Europeo, “que deben ter continuidade nos vindeiros meses”. Besteiro ve “fundamental” acadar un consenso entre todos os grupos políticos nesa dirección, pero tamén para modificar o regulamento do Senado e que tamén na Cámara alta se recoñeza o uso do galego ao mesmo nivel que se fixo no Congreso dos Deputados, aspecto que inclúe o texto.
O portavoz do Grupo Socialista explicou que a comparecencia do conselleiro de Cultura, Lingua e Xunventude no Palamento esta mesma semana “será unha magnífica oportunidade para comprobar se Rueda e o PP apoian o uso do galego nas institucións. En todas, tamén en Bruxelas e en Madrid”.
“Os socialistas galegos somos a forza que facemos Europa desde Galicia, e como tal, vemos moi importante que o galego acade o estatus de idioma oficial da UE”, afirmou, pola súa banda, González Casares, que indicou que esa consideración “garantiríalle o seu uso nas institucións e que a documentación da Unión estivese na nosa lingua, o cal significaría un gran impulso”.
O candidato explicou que o galego ten máis falantes que cinco das 24 linguas oficiais da UE, e que algún dos países, como é o caso de Irlanda, teñen máis dun idioma oficial (inglés e gaélico). Recoñeceu, porén, que o recoñecemento de linguas cooficiais é “complexo”, e que por ese motivo “é básico que dende o noso país se traslade ás institucións europeas o pulo e o interese en que a nosa lingua sexa oficial”.
González Casares criticou que neste momento a acción dos populares “está bloqueando ou tratando de matar esta iniciativa”. Explicou que das dúas vías nas que se está traballando, o Parlamento e o Consello, no caso da primeira a iniciativa está pendente dun informe da presidencia, “que non chega polo bloqueo dos populares”. No que respecta á segunda, “son os gobernos do PP os que tratan de que non se debata”.
Resultados en Cataluña e rexeneración democrática
A comparecencia de hoxe comezou coa felicitación de José Ramón Gómez Besteiro ao candidato socialista á presidencia de Cataluña, Salvador Illa, polo resultado das eleccións de onte, nas que o PSC acadou a victoria. Para Besteiro, o seu trunfo “pon fin ao Procés” e confirma “que cando goberna o PP é unha fábrica de independentistas”, mentres que a política de Pedro Sánchez tivo éxito en “levar a concordia, a paz e o diálogo a Cataluña”.
“Este é o punto final do apoio ao independentismo”, o que significa “o éxito da política dos socialistas para resolver o conflito catalán dunha maneira construtiva, solvente, responsable e centrada nos problemas dos cataláns”, asegurou.
Tamén se referiu á rexeneración democrática promovida dende o PSdeG, “unha aposta na que queremos seguir cubrindo etapas nesa loita por unha política máis sana e mellor”, dixo en referencia ao pleno desta semana, no que se verá “a posición na que está Rueda”, se ten intención de sumarse ou non “ao camiño da rexeneración democrática, da transparencia e da claridade”.
“Nós imos axudar e imos colaborar, e farémolo non dende un posicionamento ideolóxico, senón facendo unha gran política, buscando consensos”, afirmou.