O Ineltrón Santo Domingo exhibe galas de campión

por Redacción Deportes

Non por agardado perde o seu mérito. O Ineltrón Santo Domingo Betanzos acadou matematicamente o primeiro posto da liga da Primeira Nacional, a falta dunha xornada para o remate, despois de vencer na casa ao Berberecho de Noia. Con todo, quen se guíe polo contundente resultado do partido (101-61) acaso leve unha idea equivocada do que se viu no parqué do Carregal. Porque nunha primeira parte marcada por contundentes parciais de ambos os dous contendentes (13-0 e 0-14) o luminoso cifrou un 46-42 que deixaba abertas as opcións de un e outro equipo. O paso polo vestiario, con todo, foi “man de Santo”. Os de Doc pareceron lembrar a súa condición de líderes e, logo de apertar as caravillas á defensa, cun Rozas (21 puntos na segunda parte) que tomou o relevo anotador de Brezo e Sanjurjo, comezaron a sumar e sumar puntos de vantaxe ata rubricar un incontestable parcial de 55-19 que levou á acta ese 101-61 final. Próxima cita, visita a Cambre, onde, suceda o que suceda, os betanceiros serán primeiros antes do cruce polo título. Outra cousa será saber o rival, pois do segundo ao cuarto posto, todo está aberto, comezando polas posibilidades do contrincante de manter a segunda praza e buscar un rival “asequible”.

Os Preinfantís aseguran a presenza na F4 polo título e La Goleta volve sumar na fase de ascenso

No que toca ao resto de equipos do club, e despois da axustada derrota 78-69 dos infantís no seu cruce con Bball Ourense, ao que só se puido acudir con 7 xogadores, os Preinfantil lograron certificar o pase á Fase a Catro da categoría, logo de gañar tras dúas prórrogas aos vigueses de Seis do Nadal (84-81). Confírmase así a excelente traxectoria dunha xeración 2011, subcampioa galega en benxamín, quinta e cuarta de Galicia nos anos seguintes e, outra volta cuarta, como mínimo, na presente temporada. Por outro lado, os “vellos rockeiros” de La Goleta trouxeron de Santiago unha nova vitoria fronte a Fontiñas (46-61) que os sitúa invictos (4-0) na Fase de ascenso a Segunda División.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario