A Federación de asociacións culturais galegas leva á cidade ferrolá a homenaxe Inaugurar o tempo da Xustiza. Celebrando a Luísa Villalta a quen este ano 2024 protagoniza o Día das Letras galegas
A Federación de asociacións culturais Galiza Cultura, coa colaboración da Sociedade Cultural Medulio, celebrará mañá mércores 15 de maio, na Capela do Centro Torrente Ballester (rúa Concepción Arenal, s/n), a partir das 19.30 horas, a homenaxe Inaugurar o tempo da Xustiza. Celebrando a Luísa Villalta de celebración popular para quen este 2024 organízase o Día das Letras galegas.
A actividade aberta ao público e de balde que realiza a entidade federativa que engloba a máis de 30 entidades do tecido cultural do país volve celebrar á creadora literaria e música pois, de igual xeito que no acto realizado na Coruña no pasado mes de marzo, quérese celebrar a Luísa Villalta poñendo en destaque todas as súas facetas vitais: como poeta, como dramaturga, como ensaísta, como violinista e, tamén, como persoa coñecida e recoñecida por implicarse social e politicamente nun innumerábel ronsel de iniciativas cívicas e culturais que reclamaban dereitos e liberdades.
O acto de homenaxe, desenvolverá un recital poético baixo o título Luísa Villalta na voz dos poetas coa participación de Marica Campo e Xulio López Valcarce, ambos compañeiros escritores que, recorrendo da propia Luísa, declamarán as súas poesías e nos achegarán recitados os seus versos máis íntimos coa que a lembran.
Tamén haberá unha intervención laudatoria, que levará por título Luísa Villalta: «Eu renazo galega», que lembrará da súa figura. Este discurso será a cargo da profesora e escritora María Pilar García Negro achegándonos á Luísa Villalta máis intima e persoal, a activista comprometida e relacionada co tempo que lle tocou vivir e a súa implicación cos movementos sociais e políticos expresados a través da cultura e da súa obra, participante das actividades da Mesa pola Normalización Lingüística, da Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega (de cuxa directiva fixo parte) ou do Foro Negro da Cultura nacido despois do naufraxio do Prestige .
E finalmente, a programación do acto realizará sobre o escenario un concerto do Grupo Instrumental ‘Siglo XX’ con Daniel Vlashi, violino, Florian Vlashi, violino, Luigi Mazzucato, viola, Raúl Mirás, violonchelo e Rediana Lukaiçi, violonchelo, que interpretarán «In memoriam», para violonchelo solista e cuarteto de corda, de Moni Kurçi, «O paseo das esflnxes». Op.49 (Música escénica para a obra homónima de Luísa Villalta) I – II – III, de Paulino Pereiro de 1990, e Transcrición da Suite núm. 3 para cello Op.296. Trío de corda, I Prelude, II Allemande, III Courante, IV Sarabande, V Bourrée, VI Gigue, adaptación de Paulino Pereiro de J.S. Bach de 2021.
Desde a Federación Galiza Cultura convidan á cidadanía da cidade de Ferrol a participar nesta actividade aberta.