Presentación da serie dixital Poscoito este venres no Cine Alfonsetti de Betanzos

por Redacción Galicia

O próximo venres 17 de maio, Día das Letras Galegas, proxectarase no Cinema Alfonsetti de Betanzos a serie dixital Poscoito ás 20:00h. Será presentada polo seu director e guionista Héctor Rodríguez. Compartirá espazo con outra webserie titulada Nómades, dirixida por Marta Ínsua

Poscoito é unha serie galega antolóxica que retrata as diversas situacións e conflitos que poden existir despois de ter sexo. Os 3 episodios que compoñen a serie contan historias autoconclusivas independentes, cada unha cun elenco e ton diferentes que posúen como nexo común o momento poscoito.

O equipo artístico está formado por Lidia Veiga (Cando toco un animal, Los Argonautas, presentadora dos Mestre Mateo 2024), Isabel Garrido (El desorden que dejas, Élite, La manzana de oro), Sergio Abelaira (La Fortuna, Saudade de ti, Los Argonautas), Martina Bravo (Saudade de ti), Melania Cruz (Dhogs, Ons, Rapa) e Tito Asorey (Rapa, Fariña, O final do camiño).

Héctor Rodríguez (Arteixo, 1998) debuta como director e guionista neste proxecto despois de formarse na Escola de Imaxe e son de A Coruña e traballar durante 5 anos no sector audiovisual como auxiliar de dirección en produtoras como Vaca Films, Voz Audiovisual ou Portocabo, formando parte de películas e series para cine, televisión e plataformas como Netflix ou Movistar+. Pódese consultar o seu IMDb.

Poscoito foi seleccionada en 6 festivais de ámbito nacional e internacional entre os que atopamos o Cusco Web Fest (Perú) ou o Cannes Film Awards (Francia), onde recibiu unha Mención Especial á Mellor Serie. Obtivo o recoñecemento á Mellor Webserie no Golden Lion Film Festival (India), no Robinson Film Awards (Italia) e no European Short Awards (España). Neste último festival tamén foi finalista á Mellor Curta de Comedia.

Poscoito estreouse a nivel nacional dentro da Sección Oficial do Carballo Interplay a principios de abril, onde o público puido asistir a un breve coloquio co seu equipo.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario