Inés Rey, acompañada por Óscar Puente e Alfonso Rueda, este mércores, no Palacio Municipal de María Pita
A alcaldesa recibiu hoxe en María Pita ao ministro de Transportes e Mobilidade Sostible, Óscar Puente, e ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda. Puente presentou as liñas estratéxicas do plan para conectar a España atlántica coa rede transeuropea do futuro
A alcaldesa, Inés Rey, recibiu hoxe en María Pita ao ministro de Transportes e Mobilidade Sostible, Óscar Puente, que presentou no Palacio Municipal as grandes liñas estratéxicas do Plan Director do Corredor Atlántico, un documento que recolle os principais investimentos previstos polo Goberno estatal nas comunidades autónomas da España atlántica para dinamizar as conexións marítimas, terrestres e aéreas, adaptando e modernizando as infraestruturas con vistas a trenzar a rede transeuropea de transportes do futuro.
Rey incidiu en que o Plan Director do Corredor Atlántico na Coruña «suporá un antes e un despois na historia da cidade e, por suposto, na de Galicia e de España, porque este proxecto é en clave de país, e implica a moitas das comunidades autónomas que concentran a máis dun 65% da poboación española».
Neste sentido, a folla de ruta marcada polo Goberno do Estado ata o ano 2030 estipula melloras na rede de ferrocarrís, estradas, portos e aeroportos, cun investimento de 4.561 millóns de euros en Galicia, co obxectivo de vertebrar a rede multimodal con Portugal, Francia, Alemaña e Irlanda, en clave de loxística e interconexión entre os nodos urbanos da Europa atlántica.
O impulso ao porto exterior de Punta Langosteira e a ampliación de Alfonso Molina
Na súa intervención desta mañá, Inés Rey destacou «o respaldo do Estado» á hora de acometer ou dar solución a demandas históricas da cidade e a súa área metropolitana.
É o caso, por exemplo, do impulso ás obras de conexión ferroviaria co porto exterior de Punta Langosteira, en marcha desde o último trimestre de 2022. O Ministerio estima que Langosteira estará conectado por tren co porto interior e o Corredor Atlántico no ano 2026.
Tamén da remodelación e ampliación da avenida de Alfonso Molina, a principal arteria de acceso e saída na Coruña, que xa está afrontando a súa fase inicial e na que o Goberno estatal investirá 18 millóns de euros para adaptar a avenida á súa realidade actual, atendendo tamén a súa integración ambiental.
Ademais, a alcaldesa apuntou que A Coruña, «como principal motor económico de Galicia», terá un protagonismo clave no desenvolvemento das actividades comerciais derivadas das melloras no Corredor Atlántico, e destacou o impulso que suporá para a cidade o feito de acoller a sede da Axencia Española para a Supervisión da Intelixencia Artificial (AESIA), «que pronto estará en funcionamento na nosa cidade e sumarase á Cidade das TIC para reforzar a nosa posición como o faro tecnolóxico do noroeste de España».
A alta velocidade ferroviaria na Coruña será unha realidade en só uns días
A programación de actos da xornada comezou esta mañá coa viaxe da alcaldesa, Inés Rey, e o ministro Óscar Puente, a bordo do tren de alta velocidade AVE S106 Renfe, nun percorrido de case tres horas e media con saída en Madrid e chegada á Coruña, que forma parte das probas de simulación comercial que está levando a cabo Renfe con vistas á posta en servizo dos novos trens xa o vindeiro día 21 de maio.
Rey definiu esta conta atrás como «un paso histórico para o noroeste peninsular» e incidiu en que «a distancia é algo que xa non se mide en quilómetros, senón nos investimentos capaces de acurtala. E hoxe, A Coruña e Galicia están moito máis preto do resto de España e de Europa grazas a unha liña de alta velocidade que revoluciona xa o transporte de pasaxeiros da nosa comunidade».
A rexedora tamén lembrou «o compromiso do Goberno estatal coa Coruña, achegando 9 millóns de euros ao Concello co obxectivo de cofinanciar as obras da estación intermodal da Sardiñeira, á que hoxe mesmo chegamos a bordo dunha liña de alta velocidade coa que, ata hai poucos anos, ninguén soñaba no noso territorio».
Tal e como expuxo esta mañá o comisionado do desenvolvemento do Corredor Atlántico, José Antonio Sebastián, o Ministerio prevé que os traballos de sinalización, sistemas de protección de tren, control de tráfico centralizado e comunicacións da estación intermodal da Coruña rematen en xuño do ano 2026, o que suporá un investimento de 100 millóns de euros por parte do Estado.
O vindeiro mércores 22, cume pola integración da fachada marítima
Ao acto desta mañá en María Pita tamén asistiu o presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, a quen agradeceu «a predisposición e vontade de colaboración» amosada na reunión institucional da semana pasada, na que Concello e Xunta acordaron abordar unha cuestión fundamental para A Coruña: o futuro dos peiraos interiores e a integración dos espazos portuarios na malla urbana da cidade, «en terreos que xa son públicos e o seguirán a ser».
A este respecto, Rey lembrou que o vindeiro mércores 22 terá lugar un cume institucional no Palacio Municipal de María Pita, ao que están convocadas todas as Administracións implicadas na integración dos peiraos interiores na nova fachada marítima da Coruña, «para traballar da man e afrontar xuntos unha intervención que suporá a maior transformación da cidade en décadas, e que será fundamental para impulsar esta segunda modernización da Coruña que xa estamos poñendo en marcha». O ministro Óscar Puente amosou tamén a implicación do Estado coa integración dos peiraos interiores na nova fachada marítima da cidade.