Recortes Cero presentou hoxe unha consulta ao Banco de España sobre a devolución do rescate bancario. Segundo Nuria Suárez, portavoz e candidata nas Eleccións Europeas, “o rescate son 123.005 millóns de euros que deben devolver, e dos que só se devolveron 14.800 millóns en 15 anos, pouco máis do 10%”.
Recortes Cero pídelle ao Banco de España a información respecto a a devolución das axudas que recibiron 15 entidades que hoxe están en mans de 6 bancos froito do proceso de absorcións e fusións. “Desde o 2018 o Banco de España non proporciona información sobre o rescate, e ata entón facíao anualmente”, asegura Nuria Suárez, “temos dereito a que se nos informe de forma detallada sobre a devolución dese diñeiro, con luz, taquígrafos e a máxima publicidade posible, máis tendo en conta o contraste que existe, nestes momentos, entre os beneficios da banca e o empobrecemento da poboación”.
Para Recortes Cero, a indignación é dobre. Por unha banda porque só se recuperou un 10% en 15 anos, “que banco aceptaría esa relación cun préstamos ou unha hipoteca?, hai un dobre raseiro que é vergoñoso tal e como están as cousas”. E por outra, “porque se a banca é capaz de abordar procesos de fusión e de absorción como o que estamos a ver co BBVA e o Sabadell, ou os que vimos estes anos, algo terá que ver que a cidadanía lles rescatamos con 123 mil millóns”.
A candidata de Recortes Cero considera que o Banco de España debería volver proporcionar a información anualmente con todo tipo de detalle, “xa que nestes momentos só dispoñemos dos datos que porporciona cada tres anos o Tribunal de Contas no súa labora de fiscalización”.
De feito Recortes Cero presentou tamén unha petición ante a Comisión de Peticións do Congreso para que se cree unha comisión que faga seguimento da recuperación do rescate bancario, “informando á sociedade con detalle, transparencia e máxima difusión democrática, das cantidades, os prazos, así como as medidas que se propoñen desde o Congreo para recuperar un diñeiro que significaría unha inxección incomparable de capital e un motor económico cando máis se necesita”. Para Nuria Suárez “o país fixo un esforzo pola banca, agora débeo facer a banca polo país. Débennolo”.
Xunto coa consulta ao Banco de España e a petición no Congreso, Recortes Cero presentou un informe con datos do Tribunal de Contas, Newtral e elaboración propia, no que pode verse, “de forma que calquera pode entendelo”, o diñeiro que deben as entidades bancarias, quen o prestou e a quen, así como quen debe o diñeiro por haber absorvido as entidades que foron rescatadas.
“Parte da responsabilidade democrática coa cidadanía é a información, e ese papel non o poden cumprir só os medios de comunicación, é obrigación dos poderes públicos”, defenden desde Recortes Cero. “Na nosa opinión este informe de dúas páxinas, que pode entenderse a golpe de vista, debería difundirse anualmente, explicarse e debaterse por todos os medios ao alcance das institucións”, explicou Nuria Suárez.
Recortes Cero defenden que co rescate bancario se cree unha banca pública que se converta no motor da reindustrialización do país e unha fonte de crédito para as pemes, autónomos e familias. “Pero para poder debater sobre se o que defendemos é o camiño ou non, é imprescindible que a información estea riba da mesa, e que as institucións fagan o seu traballo de fiscalización”, concluíu Nuria Suárez tras presentar a consulta no Banco de España e a proposta no Congreso.