As músicas nadas en Bruxelas e de orixe galega, interpretarán o seu traballo «Camiño»
Este domingo, 19 de maio, ás 12 h, a Casa-Museo Manuel María acolle un concerto do grupo Ialma. Un cuarteto de mulleres de Bruxelas (Verónica Codesal, Magali Menendez, Natalia Codesal e Marisol Palomo), fillas de familias emigrantes galegas, con máis de vinte anos de carreira artística e sete exitosos traballos publicados, que cantan en galego e que levan a música galega por todo o mundo. Elas estarán acompañadas de dous grandes músicos, Didier Laloy, considerado un dos representantes máis activos do renacemento do acordeón diatónico e do salientábel guitarrista Karim Baggili.
As voces tradicionais de Ialma fusiónanse con sons, melodías e arranxos modernos, dando cancións moi frescas e vivas, que mostran a súa propia historia e a de tantos emigrantes, e coas que percorren os mellores festivais de música folk, de raíz, de fusión e divulgación. Grandes artistas como Guadi Galego, Dulce Pontes, Mercedes Peón, Kepa Junquera, Xurxo Fernandes… apostaron pola súa marabillosa colaboración.
Este domingo traerán a Outeiro de Rei o seu último proxecto Camiño, traballo que conta a historia da avoa dunha das integrantes do grupo e que está cheo de cancións emocionantes e moi alegres.
Para asistir ao concerto é necesario reservar (billete 5 euros) en contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou no whatsapp 698177621.
Foto portada: Verónica Codesal