O Grupo Socialista esíxelle á Xunta unha ordenación axeitada da eólica para que Galicia non perda a oportunidade de liderar a transición enerxética 

por Redacción Galicia

O Grupo Palamentario Socialista esíxelle á Xunta que acometa xa unha ordenación axeitada para o desenvolvemento dos proxectos de enerxía eólica que lle deben permitir a Galicia ser líder na transición enerxética. A voceira de Industria e Enerxía, Patricia Iglesias, destacou hoxe que a comunidade atópase “nun momento decisivo”, tanto polo contexto internacional no que se refire ao modelo enerxético como pola chegada de fondos europeos Next Generation cos que afrontar a transformación necesaria nese eido.

A deputada socialista, que vén de rexistrar unha proposición non de lei sobre este asunto, subliñou que Galicia se atopa ante unha das maiores oportunidades económicas da súa historia, porque dispón dos recursos, do coñecemento e da tecnoloxía para ser líder no proceso de descarbonización da economía, “en conexión directa co noso desenvolvemento industrial”, puntualizou.

Por iso, a Xunta “ten que facer xa unha aposta firme polas renovables”, dixo. Fontes coma a eólica, en combinación co hidróxeno verde, “teñen que ser unha prioridade absoluta”, indicou, nas políticas enerxéticas e industriais do Goberno galego.

Para Iglesias, “a Xunta do PP, en lugar de perderse en batallas xudiciais que van obstaculizar o progreso do país”, debe habilitar “canto antes” as canles normativas axeitadas “para crear seguridade xurídica” e non comprometer os proxectos e os investimentos necesarios para poñelos en marcha.

“O PSdeG vai actuar con responsabilidade. Reiteramos o ofrecemento dun Pacto de Enerxía e Industria para que Galicia xogue un papel líder nunha nova economía baseada nas enerxías limpas”, afirmou.

Patricia Iglesias insistiu en que, para que Galicia ocupe o seu lugar como “referente” na descarbonización, é imprescindible que o Goberno de Rueda se comprometa a ordenar a implantación da enerxía eólica, “cumprindo de xeito rigoroso os requisitos medioambientais e respectando a normativa europea”, tal como consta na iniciativa que os socialistas veñen de rexistrar, e rematando coa “sensación de caos que temos neste momento”.

Por outra banda, tamén sinalou que, se é necesaria esa ordenación para evitar “calquera tentación dun desenvolvemento indiscriminado” de toda a potencia eólica solicitada en Galicia, constitúe “unha temeridade” pretender a súa prohibición total, “como se pretende dende certos sectores políticos de xeito tan tendencioso como oportunista”. “O que necesitamos é compatibilizar o desenvolvemento de máis parques eólicos e o seu encaixe social, cun impacto medioambiental e social asumible”, detallou. A proposición do Grupo Socialista que se debaterá no pleno do Parlamento inclúe todos eses aspectos. Nela ínstase á Xunta a aprobar a normativa precisa para unha nova planificación, zonificación e implantación da enerxía eólica de xeito ordenado. Tamén a que contemple medidas que beneficien aos concellos e ás comunidades onde se implanten os proxectos, tanto de carácter social como no que respecta á súa participación nas iniciativas para facilitar o autoconsumo local, rebaixas no custe da factura eléctrica da veciñanza ou a mellora das tecnoloxías das comunicacións nesas zonas

Etiquetas
Comparte éste artículo
Escribe tu comentario