A Xunta salienta Galicia como unha potencia no eido das enerxías renovables

por Redacción Galicia

Ánxeles Vázquez incide no papel proactivo do Goberno galego no impulso do proceso de transformación necesario para avanzar cara a un novo modelo produtivo que poña a sostibilidade no centro

A Xunta salienta que Galicia é xa unha potencia no eido das enerxías renovables a través de proxectos viables, sostibles e respectuosos co medio ambiente, coa contorna e co patrimonio natural da Comunidade.

Durante a súa participación na inauguración do Foro Enerxías renovables e descarbonización: unha aposta de futuro para as empresas galegas, a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ánxeles Vázquez, incidiu no papel proactivo do Goberno galego no impulso do proceso de transformación necesario para avanzar cara a un novo modelo produtivo que poña a sostibilidade no centro.

Nesa liña, logo de explicar que entre xaneiro e abril deste ano a xeración renovable acadou por primeira vez o 89,2% de toda a electricidade producida en Galicia e a porcentaxe total de renovable no uso final na Comunidade ascende xa ao 44,3%, Ánxeles Vázquez subliñou que “xa estamos posicionados como referentes na descarbonización e na transición enerxética”, e engadiu que, ademais de ser xusta, debe compatibilizar o desenvolvemento económico e a sostibilidade.

Tal e como aseverou Ánxeles Vázquez, “non é posible crecer economicamente se non se fai desde a base dunha economía verde” e, nese senso, avogou por aproveitar a oportunidade que supón este novo escenario para seguir avanzando na acción climática, tal e como está a facer a Xunta co desenvolvemento de iniciativas pioneiras que consoliden Galicia como unha comunidade resiliente.

Así, cómpre lembrar que hai dous anos a Xunta puxo en marcha a Alianza galega polo clima, que conta xa con 120 entidades adheridas -empresas, universidades, autoridades portuarias ou clubs deportivos-, co obxectivo de conectar ao tecido produtivo e social galego de cara a traballar contra o quecemento global e establecer pautas de actuación para alcanzar a neutralidade climática.

E, a maiores, segundo lembrou a conselleira, a pasada semana presentou a Rede local polo clima, que ademais de coordinar cos concellos as actuacións para aproveitar sinerxías na loita contra o quecemento global e, ao mesmo tempo, promover políticas locais de sostibilidade ambiental, facilitando a xestión do coñecemento así como a difusión e intercambio de experiencias.

Estas medidas, xunto coa estabilidade e a seriedade á hora de desenvolver proxectos industriais coas máximas garantías medioambientais, son imprescindibles para que o futuro de Galicia sexa “máis competitivo, máis verde, máis sostible e de calidade”, concluíu Ánxeles Vázquez.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario