O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución pola que se recoñece as persoas deportistas de alto nivel, alto rendemento e rendemento deportivo de base, persoas adestradoras ou técnicas, xuízas e árbitras recoñecidas de alto nivel, así como as solicitudes desestimadas e a causa. En total, das 124 novas solicitudes presentadas, son 91 as admitidas, e delas, máis da metade -un total de 53- son deportistas de alto nivel
Na lista de novos nomeamentos os deportes con máis deportistas de alto nivel son atletismo con Alicia Barreiro, Asheber Díaz, Ester Navarrete, Daniel Salgueiro, Eva Rouco e Anxo Bello; vela con Carlos Bermúdez de Castro, Pablo Mijares e Paloma González Esteban; baile deportivo con Ainhoa González Baña, Laura Marcote, Alba Mourelle, Andrés Parga, Noelia Rey, Soraya Santos, Patricia Videiro e Mélani Lois; patinaxe con Sara Martínez Sío, Joel Ribeiro, Manuel Taibo e Dubra Outeiro; e taekwondo con Irene Montemuíño, Antía Rodríguez, Adrián Salanova, Ainhoa Teira e Alma María Pérez.
Ademais dos 53 novos deportistas de alto nivel recoñecidos, na publicación de hoxe inclúense 11 deportistas de alto rendemento e 23 de alto rendemento de base, así como 1 técnico de alto nivel e 3 árbitros.
Con esta última resolución publicada no DOG a comunidade galega alcanza xa os 1.219 deportistas recoñecidos divididos en 941 de alto nivel, 93 de alto rendemento, 126 de rendemento deportivo de base, 32 técnicos, 10 árbitros, 7 xuíces e 10 vitalicios. Nesta listaxe definitiva hai 35 deportistas con diversidade funcional.
Galicia acada con esta resolución o seu récord de deportistas recoñecidos en todas as categorías e tamén de deportistas galegos de alto nivel.
Cómpre aclarar que o novo decreto de alto nivel, de alto rendemento e de rendemento deportivo de base publicado en 2020, recoñece novas figuras como o alto rendemento deportivo -práctica deportiva que aínda non pode ser cualificada de alto nivel pero cuxa proxección indica que estará en condicións de selo- e o rendemento deportivo de base -etapa de desenvolvemento e perfeccionamento previa a acadar o alto rendemento deportivo ou o alto nivel-. O mesmo ocorre coas categorías de técnicos-adestradores e xuíces-árbitros, novos colectivos que incorporaron a figura do alto nivel, a través da Comisión Galega de Avaliación do Alto Nivel Deportivo.