O Goberno de Lugo e a Asociación cultural Xaquedrum levaron adiante un ciclo de actividades ao longo de todo o curso escolar para promocionar o xadrez nas rúas e nos centros de ensino
O Tenente Alcalde do Concello de Lugo, Rubén Arroxo e a concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, presentaron as actividades previstas para o mes de xuño dentro do ciclo «Xadrez para todas», orientado ás e aos escolares e a toda a veciñanza de Lugo, co obxectivo de «espertar a curiosidade e o interese polo xadrez, achegando ás familias sobre as vantaxes que a súa práctica representa sobre a dimensión educativa», explicou Maite Ferreiro.
O mes de xuño comezará co torneo de xadrez «Festa Final», que terá lugar na praza Maior na tarde do 2 de xuño. O torneo, orientado a xogadores federados, será totalmente gratuíto e contará con 120 prazas divididas en 6 categorías (menores de 8, 10, 12 e 14 anos, categoría familiar e categoría absoluta). As persoas interesadas en participar no torneo deberán realizar a inscrición contactando coa asociación cultural Xaquedrum.
Como actividade paralela, o xadrez sairá á rúa todas as tardes de luns a venres entre o 3 e o 20 de xuño. Instalarase un xadrez xigante, varios xadreces convencionais e daranse clases de iniciación. Desta forma, todas as persoas que o desexen poderán xogar ao xadrez. Trátase dunha actividade totalmente gratuíta que non precisa de inscrición previa.
Maite Ferreiro destacou «o grande interese que está a achegar o xadrez na poboación», e engadiu «a práctica do xadrez supón un magnífico instrumento para adquirir unha maior axilidade mental e unha serie de habilidades sociais tales como a capacidade de concentración e de síntese, ademais de mellorar a memoria, o cálculo, a toma de decisións ou a creatividade».