O PP de Trabada esixe ao alcalde “menos oportunismo” en redes sociais e “máis traballo real” en favor dos veciños

por Redacción Lugo

O voceiro popular trasladou o seu apoio a todos os afectados, poñéndose a súa disposición, e critica que o rexedor o único que fixo foi publicar unha carta nas redes sociais esixindo a intervención da Xunta en lugar de poñer a disposición dos veciños os medios municipais e pedir a colaboración do parque móbil da Deputación

Tralas chuvias da última fin de semana, que provocaron danos de diversa consideración en Trabada, o voceiro municipal popular, José María Fernández, vén de poñerse a disposición dos afectados “algo que tamén debería de facer o propio alcalde”, que optou por publicar unha carta nas redes sociais pedindo unicamente a implicación da Xunta de Galicia.

Neste senso, José María Fernández quere deixar claro que Rubén García ten que saber, en primeiro lugar, a que administración ten que pedir colaboración xa que, neste caso, é o Consorcio (dependente do Goberno central) á administración con competencias e, polo tanto, a quen hai que pedir as axudas.

En segundo lugar, o voceiro popular aconsella ao alcalde que, en lugar de publicar cartas e comunicados nas redes sociais debería de poñer o seu traballo e os medios do Concello de Trabada ao servizo dos afectados e, no caso de non dispoñer dos medios suficientes pedir a colaboración do parque móbil da Deputación de Lugo, unha administración gobernada polo seu partido político. “Queda claro que cando se trata de pedir a implicación das administracións que realmente teñen competencias e poden axudar non o fai cando son da súa mesma cor política”, lamentou.

José María Fernández aconsella ao alcalde de Trabada que esixa á Deputación de Lugo un correcto mantemento das estradas provinciais ao seu paso polo municipio, así como o desbroce e a limpeza das cunetas “algo que non se fai dende hai anos”. No caso de realizarse con periodicidade, a auga correría polas cunetas en lugar de polo firme da estrada, minimizando moito os danos e as perdas.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario