Jorge Valdano, Toni Nadal, Montse Tomé ou Gemma Mengual participarán no III Congreso Internacional de Adestradores e Adestradoras de Fútbol e Fútbol Sala

por Redacción Deportes

A cita ‘O Camiño do Futgal’ terá lugar en Palexco os días 7 e 8 de xuño

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, presentou esta mañá o III Congreso Internacional de Adestradores e Adestradoras de Fútbol e Fútbol Sala ‘O Camiño do Futgal’. A alcaldesa estivo acompañada polo presidente da Real Federación Galega de Fútbol, Rafael Louzán, a deputada da Deputación da Coruña, Yoya Neira, o xefe do servizo provincial de deportes, Roberto García e o concelleiro de Deportes, Manuel Vázquez. Tamén asistiron ao acto os padriños desta edición: Irene Ferreras, adestradora do Deportivo ABANCA, e Paulo Roberto, histórico xogador de fútbol sala.

«A Coruña é o gran referente de Galicia e parte dese logro é grazas ao noso tecido deportivo e, sobre todo, futbolístico», sinalou a alcaldesa, que destacou a capacidade da cidade para acoller grandes eventos internacionais como este congreso: «Un dos grandes logros destes últimos anos foi potenciar a nosa capacidade para ter, semana tras semana, eventos con milleiros de persoas na cidade, que benefician a diferentes sectores económicos».

O exfutbolista, exadestrador e comentarista Jorge Valdano será un dos grandes relatores deste congreso, que contará con máis de 20 profesionais do mundo do fútbol e doutros ámbitos deportivos. O III Congreso Internacional de Adestradores de Fútbol e Fútbol Sala ‘O Camiño do Futgal’ abordará diferentes perspectivas, enfoques e metodoloxías para a preparación e adestramento de equipos profesionais. Entre os relatores tamén destacan o adestrador profesional de tenis Toni Nadal, o psicólogo deportivo Pep Marí, a adestradora de natación sincronizada Gemma Mengual e a piragüista olímpica, Teresa Portela.

No que respecta ao fútbol, os asistentes a ‘O Camiño do Futgal’ poderán aprender da experiencia de Julen Lopetegui, Montse Tomé, Pacheta, Chema Monzón, Sergio Navarro, Roberto Olabe, Rubén Albés e Aniello Porcelli. Pola parte do fútbol sala, os protagonistas serán Marquinhos, Fede Vidal, José Tirado, Max Bellarte, Clàudia Pons e Matías Lucuix. O congreso estará conducido polo humorista Leo Harlem.

As persoas interesadas en asistir a esta terceira edición do congreso, con prazas limitadas, aínda poden inscribirse a través da web habilitada para a ocasión: https://ocaminodofutgal.com. Ademais, cómpre subliñar que a participación no evento acreditará 15 horas na reavaliación da licenza de adestrador.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario