9J. Besteiro chama a apoiar o proxecto socialista para «facer oír a voz de Galicia na Europa do avance e a solidariedade»

por Redacción Galicia

As ramplas mecánicas que dan acceso ao centro de saúde de Teis foron o lugar elixido polo Partido Socialista para abrir en Galicia a campaña das eleccións ao Parlamento Europeo, cun acto no que participaron o secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro; o candidato galego Nicolás González Casares, que aspira a renovar como eurodeputado; o alcalde de Vigo, Abel Caballero; a presidenta do PSdeG, Carmela Silva, e o delegado de Zona Franca, David Regades.

No marco da actuación mellora da accesibilidade e humanización da rúa de Ángela Iglesias Rebollar, financiada nun 80 % con fondos da UE, tal como destacou Abel Caballero, Besteiro asegurou que nos comicios do vindeiro 9 de xuño decídese “se segimos avanzando na integración europea e nas políticas expansivas e sociais ou, pola contra, comeza un proceso de desmembración que non se sabe como pode rematar”. O secretario xeral destacou o “papel decisivo” que xogou estes anos España, liderada por un Goberno socialista que “non deu a espalda a ninguén”. “Podemos estar orgullosos”, dixo antes de citar fitos como o impulso aos fondos de recuperación tras a pandemia da covid por parte do Executivo de Pedro Sánchez ou a solución ibérica, que permite ao país dispor dunha das enerxías máis baratas do continente.

José Ramón Gómez Besteiro valorou as oportunidades que ofrece e a fortaleza que lles dá aos países pertencer á UE e lembrou que, por exemplo, formar parte da Unión Europea permitiu afrontar con maiores garantías a crise sanitaria, a través da compra centralizada de vacinas. Porén advertiu contra as ameazas que poñen en perigo o proxecto común europeo, e coa que “compadrea” a dereita. “O voto ao Partido Socialista é o único que pode parar á ultradereita en Europa, porque somos os únicos que defendemos europa: os socialistas e a socialdemocracia”, afirmou.

Besteiro remarcou que Galicia debe seguir “facendo oír a súa voz en Europa para influír no deseño de políticas clave para o futuro do país”, como a industrial, a enerxética, a pesqueira, a agraria ou a de infraestruturas. Por ese motivo, engadiu, ten que continuar representada por Nicolás González Casares, de cuxo traballo durante os pasados anos destacou dous fitos: “Fixo os seguimento do programa de vacinas contra a pandemia e foi relator na iniciativa que fixo posible a baixada do recibo da luz”.

O candidato galego sinalou, pola súa parte, que o Parlamento Europeo “está no corazón” de moitas das decisións que afectan aos galegos a ás galegas. Como exemplos, enumerou a posibilidade de que os pesqueiros galegos poidan faenar no estranxeiro, que os agricultores e os gandeiros reciban axudas que melloran as súas rendas, que a alta velocidade sexa unha realidade, o acceso ás vacinas contra a covid en igualdade de condicións ou que a crise pandémica e enerxética non derivaran nunha crise social. Todo iso, dixo, foi “grazas a Europa”.

González Casares pediu un voto “en defensa da democracia, dos valores da paz, da igualdade, da liberdade e da solidariedade”, porque “esa é a Europa na que cremos os socialistas”, afirmou. “Esa Europa só será posible da man dunha maioría socialista, e só desde esa maioría unha voz galega poderá influír nos temas que nos afectan e nos que nos xogamos o futuro da nosa terra”, concluíu.

O alcalde de Vigo dixo que Europa supón “o soño de tantas xeracións materializado e asegurado”, mentres que a presidenta do PSdeG destacou o labor de Gonzalez Casares no Parlamento Europeo, “o único galego que está defendendo en Europa que o noso idioma teña o estatus que merece”. Pola súa banda, o delegado da Zona Franca destacou que a UE é “garantía dun novo futuro industrial que está nacendo en Alemania, en Francia e tamén en Vigo, o dos semicondutores. Esa é a Europa pola que pelexou González Casares os últimos anos”.

Etiquetas
Comparte éste artículo
Escribe tu comentario