Os senadores do PP pedirán a comparecencia de Óscar Puente para “explicar a situación real dos compromisos en materia de infraestruturas na provincia de Lugo”

por Redacción Galicia

A presidenta, en nome dos populares lucenses, asegura que «empregaremos todos os nosos medios para facer escoitar aos lucenses en Madrid e tamén en Europa»

A presidenta do PP da provincia de Lugo, Elena Candia, e os senadores por Lugo José Manuel Barreiro, José Manuel Balseiro e Juan Serrano, anunciaron en rolda de prensa que pedirán na Cámara Alta a comparecencia do Ministro de Transportes y Movilidad Sostenible, Óscar Puente, para “explicar a situación real” dos compromisos en materia de infraestruturas na provincia de Lugo ante “a falta de compromisos concretos” que supoñen “un agravio para a provincia”.

Barreiro avanzou que pedirán explicacións despois de que “o ministro confirmase durante a visita a Galicia que Lugo queda fóra da alta velocidade e do Corredor Atlántico de Mercadorías e que non dixera nada nin da A-56, nin da A-74 nin da A-76”. A mesma lectura se pode desprender das respostas do Goberno de Sánchez ás preguntas do PP no Senado: “falan de melloras para a modernización da liña do ferrocarril convencional que estenderán a Lugo os beneficios da alta velocidade Madrid-Ourense, pero non responden sobre a duración do traxecto; e tamén evitan dar prazos sobre as obras nas autovías pendentes”.

O lucense, portavoz adxunto do Grupo Popular no Senado, asegura que “o PSOE di unha cousa, pero fai outra: Besteiro e Tomé fan anuncios, pero o Executivo non adquire ningún compromiso concreto por escrito”.

Elena Candia: “As respostas que ofreceron diferentes cargos políticos do PSOE, trala rolda de prensa que tivemos a principios de semana cos compañeiros deputados no Congreso, lonxe de tranquilizarnos e de ofrecernos unha información que reflicta unha implicación ou un liderado político do PSOE na provincia coas infraestruturas para Lugo, déixannos fondamente preocupados”. Así, engadiu: “Vemos como os socialistas seguen a perpetuarse na mentira e priorizando os intereses do PSOE sobre os de Lugo. Continúan poñendo a camiseta do PSOE en vez de vestirse a  camiseta de Lugo”, puntualizou.


Precisou que “escollemos este lugar, a Subdelegación do Goberno, porque precisamente foi aquí, o 8 de maio do ano 2018, cando un Ministro do PP presentaba un plan que poñía a Lugo no mapa da alta velocidade. Este é o momento de sumar esforzos e de pelexar para que Lugo deixe de ser a cidade e a provincia peor comunicada de España”.

UNIDADE DE ACCIÓN EN TÓDALAS INSTITUCIÓNS

O Partido Popular ten unha importante representación no Congreso e no Senado e seguiremos promovendo accións para que Lugo non quede illada fronte a outros partidos coma o PSOE que rexeita calquera iniciativa que supoña esixirlle ao Goberno de Sánchez compromisos concretos con Lugo, ou o BNG, que “nin sequera asistiu ao debate do Senado sobre a mellora das infraestruturas na provincia”.

Os populares comprometéronse a “empregar todos os nosos medios e ferramentas para facer escoitar aos lucenses en Madrid”. E, igualmente, “tamén queremos facernos escoitar en Europa”. Así, convidaron aos lucenses a ir a votar o vindeiro 9 de xuño e apoiar a candidatura do Partido Popular ás eleccións europeas, igual que fixeron nas autonómicas, para dar resposta aos desafíos que se presentan con medidas concretas que melloren a vida de todos. 

Algunhas das medidas que subliñaron foron a inversión en infraestruturas, a loita contra o reto demográfico, a defensa da igualdade de oportunidades, o dereito dos mozos a unha vida próspera, o acceso á vivenda e a mellora dos servizos sanitarios e das políticas educativas; sen esquecer o apoio a sectores estratéxicos como o agrogandeiro e o do mar, ademais do apoio ao desenvolvemento de proxectos industriais innovadores.

COMPROMISOS CONCRETOS EN MATERIA DE INFRAESTRUTURAS

Os senadores tamén pedirán “actuacións concretas en materia de infraestruturas (viarias e ferroviarias) a través dunha moción, despois de que o PSOE rexeitara incorporalas a través dunha emenda a unha iniciativa dos socialistas “que só recollía xeneralidades”.

O Partido Popular esixirá, en materia de comunicacións ferroviarias, que “Lugo deixe de ser a única provincia galega excluída da alta velocidade” e pedirá “a mellora da liña e o servizo do FEVE, integrar a provincia no Corredor Atlántico de Mercadorías e restablecer servizos e frecuencias eliminados durante a pandemia”.

Así mesmo piden concretar actuacións en materia de comunicacións viarias como a finalización da A-54 neste ano, a reconstrución completa dos viadutos do Castro e a rexeneración da A-6 e das estradas nacionais e recuperar os proxectos das autovías A-56, A-74 e A-76.

Os populares tamén urxen ao Goberno a desbloquear o Porto Seco de Monforte e implantar a gratuidade na AP-9.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario