Os socialistas de Arteixo piden a reactivación da Oficina Municipal de Información ao Consumidor

por Redacción A Coruña

Denuncian o empeoramento do servizo pola falta de interese do goberno local nun momento no que a veciñanza precisa de asesoramento fronte aos numerosos fraudes e estafas.

Os socialistas de Arteixo presentarán unha moción no pleno de maio para solicitar a reactivación da Oficina Municipal de Información ao Consumidor (OMIC) ante a situación precaria na que se encontra o servizo polos continuos cambios de localización e o desinterese do goberno local.

O grupo municipal socialista argumenta que o concello de Arteixo xa tiña en funcionamento unha OMIC que desenvolvía unha labor importante de información e defensa da veciñanza “pero a baixa laboral da persoa responsable e a falla de aposta do goberno local por incorporar novas actividades así como os continuos cambios de localización”  repercuten nun “empeoramento do servizo”, nun momento no que a veciñanza, sobre todo a que non ten habilidades dixitais,  precisa información ante os numerosos fraudes e estafas que xorden decotío.

Os socialistas recoñecen que a responsable da OMIC “viña desenvolvendo un magnífico traballo na xestión destas consultas e reclamacións dende a oficina que se situaba nun despacho do edificio de Servizos Sociais” pero sinalan que posteriormente se mudou ao edificio Arteixo Innovación e ao Muíño do Minoco, para rematar finalmente dende o mostrador de información, rexistro e atención ao público da Casa Consistorial. “Un lugar onde non existe o mínimo de intimidade necesario para tal fin e cunhas instalacións desaconsellables para un traballo destas características” opina Martín Seco, portavoz do grupo municipal socialista.

“O noso grupo solicitou que se situara a esta traballadora nun lugar onde puidese realizar o seu traballo do mellor xeito posible e onde se gardara o mínimo de intimidade esixible para as consultas ou reclamacións da veciñanza” explica Seco, pero “en lugar de mellorar o servizo, o grupo de goberno caeu na desidia” e engade que a día de hoxe o OMIC non ten oficina propia.

 “O goberno precariza o servizo, sen persoal asignado en exclusiva para esa función” indica o portavoz socialista, “ao tempo que segue a aparecer na web do Instituto Galego de Consumo e Competencia, polo que supomos que seguirá contando coa subvención da Xunta de Galicia para un servizo que non lle da a cidadanía arteixá”.

Os socialistas instarán polo tanto ao grupo de goberno a reactivar a OMIC (Oficina Municipal de Información ao Consumidor) con persoal formado e  nun lugar axeitado para desenvolver as súas actividades coa privacidade imprescindible para os usuarios e usuarias.

Etiquetas
Comparte éste artículo
Escribe tu comentario