O evento desenvolverase desde este mércores ata o domingo, contará coa participación de 24 equipos e prevese que traerá á cidade a arredor de 2.500 persoas
A Xunta de Galicia colabora co Arenal Emevé na organización do Campionato de España de Voleibol infantil Masculino, que se desenvolverá en Lugo entre este mércores, 29 de maio, e o domingo 2 de xuño. Hoxe tivo lugar a presentación do programa, coa participación do secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, e do delegado territorial de Lugo, Javier Arias, entre outros.
O Goberno galego patrocina a través de Turismo de Galicia esta competición, que reunirá a preto de 500 deportistas de 24 equipos e traerá á cidade a arredor 2.500 persoas. Así mesmo, a Secretaría Xeral para o Deporte apoia ao club organizador a través de distintas liñas de axuda para o desenvolvemento de actividades e a adquisición de equipamento.
O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete, puxo en valor o «excelente estado de saúde» do voleibol galego e, nomeadamente, do Arenal Emevé, cuxas siglas lembrou que significan «el mejor equipo de voleibol de España». Deste xeito aplaudiu os seus éxitos tanto na máxima categoría onde conta cun equipo masculino na Superliga e outro feminino na Liga Iberdrola, pero tamén na canteira, destacando que hai unha semana as rapazas do equipo feminino júnior proclamábanse campioas de España. O mandatario galego subliñou a importancia de protexer os «soños dos máis pequenos» con campionatos coma este e con todo o traballo que se fai dende o Programa Xogade.
Pola súa banda, Javier Arias gabou o esforzo do Emevé para organizar de novo un evento de ámbito nacional, logo do éxito alcanzado o pasado ano co campionato feminino da mesma categoría que tamén se disputou en Lugo.
O partido inaugural da competición terá lugar o mércores ás 9.30 horas no polideportivo municipal Casa do Deporte, e dúas horas máis tarde debutará o anfitrión ante o seu público na mesma pista fronte ao CDV San Roque de Canarias. As semifinais celebraranse o sábado ás 17.00 e ás 19.00 horas, e a final o domingo ás 12.00 horas.