Créase ademais unha liña lanzadeira Sada-Carnoedo-Lorbé que permite á cidadanía de Carnoedo acceder á nova oferta de servizos en Lorbé ou Sada
A Xunta reestruturará desde o vindeiro 22 de xuño os servizos de autobús do corredor A Coruña-Oleiros-Sada para reforzar as frecuencias nas localidades de Dexo e Lorbé con máis de 130 servizos adicionais á semana. Así llo anunciou esta mañá o conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, ao alcalde de Oleiros, Ángel García Seoane, nunha reunión de traballo.
Con esta reestruturación aprobada, a Xunta reforza as conexións de autobús entre estas localidades da zona norte do municipio e A Coruña, no marco do compromiso continuo do Goberno galego por mellorar os servizos de transporte público interurbano adaptándoos, na medida do posible, ás necesidades de mobilidade das persoas usuarias.
Para ampliar a oferta de servizos nesta área, prolónganse ata Lorbé dúas liñas existentes Entrexardíns-Mera, mantendo as frecuencias actuais. Como consecuencia desa prolongación, foi preciso realizar un axuste dos servizos A Coruña-Mera-Sada nos horarios nos que se producirían duplicidades para evitar os solapamentos. O resto de servizos entre Sada e A Coruña con itinerario por Arillo ou Oleiros non se modifican.
Con estas medidas, as localidades de Dexo e Lorbé gañan 133 servizos máis á semana, 10 ao día de luns a venres cara á Coruña e 15 con destino Lorbé, xunto con 4 en cada sentido os domingos e festivos.
No marco da reestruturación dos servizos do corredor tamén se crea unha liña lanzadeira Sada-Carnoedo-Lorbé que permite á cidadanía da parroquia de Carnoedo, en Sada, conectar coa nova oferta de servizos en Lorbé ou en Sada.
A información relativa a todos estes servizos estará dispoñible para a súa consulta na páxina web www.bus.gal.
Por outra banda, no encontro de hoxe, abordouse a posibilidade de prórroga do convenio asinado en 2019 entre a Xunta e os concellos da Coruña e Oleiros para autorizar ao transporte urbano da Coruña a realizar tráficos fóra do seu termo municipal coa zona de Santa Cristina, polo que a Xunta está pendente da remisión da información necesaria para a súa análise xurídica.