Guntín acollerá a cuarta edición do ‘All Star Futbolinlugo’

por Redacción Deportes

O delegado territorial, Javier Arias, participou hoxe na presentación da xornada, que reunirá a máis de 500 espectadores e a 70 xogadores e xogadoras no campo do Ladairo

O municipio de Guntín acollerá o sábado 22 de xuño a cuarta edición do All Star Futbolinlugo, que conta coa colaboración da Xunta. O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, participou hoxe na presentación desta xornada que segundo a organización estase a consolidar como a mellor festa de desenlace da tempada de fútbol.

Así, agárdase que máis de 500 espectadores desfruten no campo do Ladairo dos partidos que disputarán uns 70 xogadores e xogadoras que destacan entre os mellores da provincia.

O programa contará cos habituais partidos, concursos, xogos abertos ao público que queira participar, unha homenaxe aos futbolistas que se retiran nesta campaña e varias novidades, como unha actuación musical e unha FanZone.

Arias felicitou aos promotores pola evolución deste evento que vai rotando por distintos concellos da provincia e subliñou a súa repercusión positiva nos municipios nos que se desenvolve e o seu papel na promoción do deporte e do ocio saudable.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario