O Ineltrón Santo Domingo, campión da Primeira División FGB

por Redacción Deportes

Había moito tempo que non se vía un Carregal tan ateigado de xente (preto de 500 persoas) e os seareiros que se deron cita no pavillón betanceiro o sábado 25 e o domingo 26 non saíron decepcionados. O camiño final iniciouse cunha sofrida vitoria fronte a Cambre (76-68) na que, tras un comezo espectacular (17-2) houbo que remontar ata doce puntos de desvantaxe, e continuou o domingo 26, cun auténtico festival coral fronte a Porriño Baloncesto Base, o outro finalista, que non puido evitar que o baloncesto volvese facer xustiza: 85-56 e o título para quen máis o mereceu durante todo o ano.

Os de Doc conseguen así un dobre premio: campionato galego da primeira división e ascenso a unha liga EBA que, por cuestións de renovacións de “marca”, estreará novo nome a temporada vindeira, “Terceira FEB”, e que volverá contar no grupo habitual con equipos galegos, asturianos e de Castela-León.

La Goleta ascende a Segunda

Outro boa noticia da xornada foi o ascenso á Segunda galega de la Goleta, o equipo sénior de Terceira, que deu boa conta do Sagrado Corazón de Lugo e certificou, como quen di, todo un ascenso “anunciado”. Os máis veteranos do Santo Domingo, todo un clásico nas ligas FGB, asinaron 24 vitorias de

25 posibles durante esta temporada. Peor sorte correron os Preinfantil que, tras unha temporada sobresaliente (21 vitorias e 3 derrotas), caeron nos cruces da F4 e na final de consolación e quedaron cuartos de Galicia, o que non deixa de ser, porén, un éxito a celebrar para o baloncesto betanceiro.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario