Xosé Edrosa
Cando estou artellando estas notas sobor do que está a acontecer no día de hoxe en Palas de Rei, terras da Ulloa; unha mañanciña soleada que convida poñerse á sombra e tomar un refrixerio nalgún dos seus establecementos hosteleiros, mais non, había outras prioridades, o asunto da Pasteira. Ao meu carón, unha señora en cadeira de rodas mecanizada, moitos nenos e nenas ao cabalete dos ombros dos seus pais e nais, pois non querían estar ao rente do chan, senón no cumio para ver con todo detalle o que estaba a facer aquela morea humana. Aquela imaxe xa inmorrenta, reflicte que esta xente vai en serio e que non queren a Altri nas súas vidas.
Hoxe, a vila de Palas viviu un día histórico, sen precedentes; o bulir das xentes da Ulloa e doutros recunchos de Galiza foi ateigando as rúas ata xuntarse no polígono industrial, o que axiña esgotou a súa capacidade de aforo. O colapso de tráfico polas distintas estradas de acceso, foi absoluto, con ringleiras de coches ata trinta Km., sen poder acceder materialmente moitos deles ao seu destino. Esas eran as mensaxes que chegaban ao punto cero da concentración. Toda unha odisea!
No tocante ao número de asistentes a este acto, barállanse varias cifras: entre vinte mil a trinta mil, cómputo imposible de determinar, pois a falla dun espazo físico con capacidade para a medición do aforo é un feito obxectivo que imposibilita tal avaliación; e tampouco resulta posible calcular o número de persoas que non puideron sumarse en tempo e forma á concentración. Esa é a nota dominante que cómpre salientar á hora de aventurarse a establecer calquera cómputo. Mais por enriba de todo isto, o certo é que o aforo superou todas as previsións da organización, feito que se reflictía na expresión de ledicia das súas facianas.
Presencias e ausencias.-
As presencias e ausencias políticas que máis chamaron a atención, precisamente neste tempo de eleccións ao Parlamento Europeo, agás do BNG, organización da que estiveron presentes os seus principais dirixentes representantes provinciais e nacionais, con Ana Pontón á cabeza, Maite Ferreiro, Rubén Arroxo e Ana Miranda, eurodeputada na pasada lexislatura e candidata á reelección para o vindeiro 9 de xuño. A ausencia de representantes e cargos institucionais do PSOE-PSG, foi salientable, coa excepción de Pilar García Porto, alcaldesa de Antas de Ulla e deputada provincial encargada de área de gobernanza, só se visualizaron algúns concelleiros sen carteira como foi o caso de Antonio Gato Soengas, exalcalde de Monterroso, quen dende un primeiro intre adoptou un posicionamento claramene contrario á imprantación da Celulosa na conca alta do Ulla, advertindo dos graves impactos sobre as augas, os solos e as xentes que viven e traballan nas súas zonas de afectación, incluída a propia Illa de Arousa. Tamén estivo presente a voceira municipal do PSOE-PSG de Palas.
No tocante ao PP, nin se viu nin se agardaba por él. Tampouco fixo acto de presencia don Pablo Taboada, alcalde de Palas de Rei, malia a ser este o maior acontecemento que se produce no seu concello, pois como nos tén lembrado en máis dunha ocasión, que el representa a todos os veciños e veciñas estean a favor ou en contra da Pasteira. Unha ocasión perdida para dar exemplo de tal honor, pois xa vemos que a uns os representa mellor cá outros.
Xosé Edrosa Leal, Esther Trashorras, Manuel Xesús Suárez García
Tamén fixeron acto de presencia outras organizacións políticas minoritarias sen representación institucional no Parlamento de Galicia, as que tamén son dignas de ser mentadas, como Sumar, Podemos, Anova e Partido Galego, así como outras organizacións sindicais e un amplo movemento veciñal. Dentro das organización políticas minoritarias, cómpre tamén salientar a presencia do histórico Partido Galeguista, representado polo seu presidente, o médico ourensán Manuel Xesús Suárez García, co que mantiven unha longa e amena conversa sobre a industria das celulosas, claramente lesivas para a saúde da poboación, amosando a súa preocupación e tamén o seu compromiso e apoio ás xentes que loitan por esta nobre causa.
A esta cita, tamén se sumaron algún persoeiros do nacionalismo galego, como foi o caso de Xosé Manuel Beiras, Xavier Vence e Martiño Noriega, exalcalde de Santiago.
En resumo, o día de hoxe vai supor un antes e un despois na historia desta controversia que está a erguer os ánimos e paixóns da maioría da cidadanía que defende o interese xeral, ou sexa, o de todos e todas. Os milleiros de persoas que hoxe encheron Palas de Rei, non estaban motivadas por consignas interesadas de ningunha forza política nin doutro tipo, era a eclosión voluntaria da veciñanza ditaminada polas súas conciencias, constituídas en comuñón dun obxectivo común, protexer o noso territorio, as súas xentes e o medio ambiente, patrimonio de interese xeral, sen distinción de clase, valores que deben prevalecer sobre calquera outro interese, por moi lexítimo que éste sexa. Por elo, o goberno galego tén un serio problema, e rectificar é de sabios, logo pode ser tarde.