As asociacións solicitan ante a Dirección Xeral do Patrimonio Cultural que se realice unha investigación para comprobar estes feitos
ADEGA e Mariña Patrimonio alertan da posible desaparición da Medorra da Seara do Campelín e demandan a apertura de expediente sancionador no caso de que se comproben os feitos. A Medorra da Seara do Campelín, situada na parroquia de Cabanela, en Navia de Suarna, é unha mámoa catalogada pola Dirección Xeral do Patrimonio Cultural dende o ano 1992.
Nas últimas actualizacións dos visores de ortofotografías podemos ver imaxes de satélite e aéreas captadas no ano 2023, onde se aprecia claramente a existencia de movementos de terras nunha pequena área que coincide xusto co lugar onde a Dirección Xeral ten catalogado a Medorra da Seara do Campelín.
Neste lugar, recentemente corroboramos que se realizaron movementos de terras e que na actualidade, no canto da Medorra da Seara do Campelín, hai un buraco de aproximadamente 15 por 7 metros e uns 40 cm de fondo, que chega ata o sustrato rochoso.
Debido a que estes movementos de terras puideron ocasionar a desaparición total ou parcial da Medorra da Seara do Campelín, ADEGA e Mariña Patrimonio temos solicitado ante a Dirección Xeral do Patrimonio Cultural que se realice unha investigación para comprobar estes feitos e, no caso de que se verifique a desaparición do xacemento arqueolóxico, solicitamos a apertura do correspondente expediente sancionador.