Besteiro, sobre a complicidade da dereita coa ultradereita: “Só quen cre en Europa pode defendela”

por Redacción Galicia

O secretario xeral do PSdeG insistiu en que, “en lugar de entrar en loitas que ocultan a verdade”, o PP debe aclarar as verdadeiras razóns de que o proxecto de Altri mudase, informar de se a Xunta prevé contribuír con fondos e se a iniciativa é viable

O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, invitou hoxe á xente nova a votar o vindeiro 9 de xuño para defender “a Europa queremos para o futuro, esa Europa social, aberta e protagonista no mundo, que mira cara a mocidade e o medio ambiente e que aposta por unha transición enerxética que xenere máis e mellores postos de traballo”.

Nunha visita ao campus compostelán, Besteiro advertiu da “ameaza” da ultradereita “e da dereita que convive con ela”, así como da censura cultural, a perda de dereitos e o freo á igualdade que implicaría a influencia de formacións que non recoñecen a construción europea. “Só quen cre en Europa pode defendela”, asegurou.

A preguntas dos medios, o líder socialista referiuse ao recoñecemento do Estado palestino por parte de España, unha cuestión na que o PP “nin está nin se espera”. “Os socialistas  somos coherentes. Defendemos a soberanía de Palestina igual que a de Ucraína”, dixo, e aplaudiu a “valentía” do Goberno de Pedro Sánchez, “a mesma que sempre demostrou”, por exemplo, en asuntos como a consecución dunha solución ibérica para rebaixar a tarifa da luz ou na negociación dos fondos de recuperación, sempre “coa oposición do PP”, sinalou.

Tamén respondeu a cuestións sobre o proxecto de Altri en Palas de Rei. “Como xa expliquei onte, non me gusta porque non ten nada que ver co que nos dixeron hai dous anos”, insistiu. Por iso, explicou, o PSdeG, “en lugar de entrar en loitas que ocultan a verdade”, quere coñecer “as verdadeiras razóns” dese cambio na actividade principal e no número de empregos que ía xerar.

Besteiro sinalou, especialmente, a importancia de que a Xunta aclare se prevé achegar fondos ao proxecto e se este sería solvente sen ese financiamento e sen o procedente de Europa. “Queremos saber se é viable”, remarcou, porque se trata dun proxecto “político-público”, xa que o “apadriñou” o PP e demanda axudas públicas.

Acompañaron a Besteiro o secretario xeral de Xuventudes Socialistas, Xurxo Doval, e o secretario xeral dos socialistas composteláns, Aitor Bouza. Doval asegurou que o PSdeG é “o único partido que pode presumir de falar de Galicia durante os cinco anos de lexislatura no Parlamento Europeo”, xa que o BNG só contou con presencia a metade dese tempo e o PP “está de corpo presente”. Bouza, pola súa banda, apuntou a importancia de que a mocidade se mobilice o 9 de xuño para influír nas “políticas últiles que se poden ver no día a día: na calidade das infraestruturas e nos dereitos”.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario