A Deputación da Coruña apoia con 118.000 euros o labor de 28 comunidades de montes de man común da provincia

por Redacción A Coruña

A Deputación da Coruña apoia con 117.681 euros a actividade de 28 comunidades de montes veciñais de man común da provincia e dúas asociacións sen ánimo de lucro do ámbito forestal.

A resolución da liña de axudas para investimentos publícase hoxe no Boletín Oficial da Provincia da Coruña e subvenciona accións como a repoboación forestal con especies autóctonas, accións de prevención de incendios e limpezas, melloras e arranxos de camiños e pistas forestais.  As axudas van dos 1.000 aos 8.000 euros por entidade en función do tipo de acción solicitada.

A deputada responsable da área de Mar e Medio Rural, Cristina Capelán Cancelo, destacou que este programa apoia o importante traballo que desenvolven as comunidades de montes de man de común na provincia «tanto no aspecto medioambiental como no aproveitamento dos recursos forestais e agrograndeiros, que xeran riqueza e emprego no noso rural».

«Falamos de actividades importantes, como a limpeza do monte ou a repoboación forestal, que contribúen a prevención dos incendios forestais e que axudan a manter a biodiversidade, a produtividade e a capacidade de rexeneración dos nosos montes», afirmou a deputada.

As comunidades de montes veciñais de man común administran en Galicia máis de 700.000 hectáreas, unha cuarta parte do territorio galego, o que dá conta da súa importancia social, ambiental e económica. Con estas actuacións, a Deputación da Coruña quere apoiar o seu traballo na mellora da produtividade e a dinamización do rural galego.

 Listaxe de entidades beneficiarias:

Etiquetas
Comparte éste artículo
Escribe tu comentario