A carreira polos títulos autonómicos comeza e remata en Sigüeiro
Un percorrido de 70 quilómetros decidirá este domingo quen son os campións de Galicia Máster 2024 de fondo en estrada. A sétima edición do Memorial Fernando Abad reunirá en Sigüeiro, no concello coruñés de Oroso, a corredores de catro grupos de idade que compartirán pelotón dende as 10:45 horas. En cada categoría haberá en xogo unha camisola da Federación Ciclismo Galego (FCG) conmemorativa do Europeo de Ciclocrós que terá lugar en Pontevedra o vindeiro mes de novembro.
Os ciclistas máster-30, máster-40, máster-50 e máster-60 atópanse na fase máis agardado da temporada. O pasado sábado pechouse na Estrada o calendario da Copa Galicia e esta fin de semana dispútase a cita que reparte as coroas autonómicas. Os gañadores no 2023 do Campionato de Galicia, celebrado en Noia, foron Pablo Fernández no grupo de idade dos 30 anos, Diego Álvarez no dos 40, José María Tajes no dos 50 e Manuel Prieto no dos 60.
O Club Ciclista Tambre Bike lembra coa organización do Memorial Fernando Abad a figura do seu presidente falecido no ano 2015 mentres rodaba en bicicleta. A liña de saída e de meta estará situada na Avenida da Garabanxa e os corredores terán que dar dúas voltas a un circuíto de 35 km que ten como epicentro Sigüeiro. O trazado, cun perfil sinuoso, transcorre por catro concellos: o anfitrión de Oroso, Ordes, Tordoia e Trazo. A finalización da proba está prevista para as 13:15 horas.
A presentación deste evento tivo como escenario o Parque do Carboeiro e contou coa presenza de Alexandre Doval, alcalde de Oroso; Carlos Fernández, concelleiro de Deportes; Amancio Espiñeira, presidente do Tambre Bike e os directivos do club Manolo Uzal, Moncho Ramos e Ismael Vieites; Cristian Blanco, xefe de Protección Civil de Oroso; e Juan Carlos Muñiz, presidente da FCG.