O vicepresidente Xosé Regueira salientou “a calidade dun evento que leva dez anos dándolle cor ás medianeiras de Carballo e que está incluído na liña de subvencións da Deputación da Coruña aos festivais de arte pública da provincia: os de Ordes, Cambre, Oleiros e Rianxo, ademais do Rexenera, entre os que repartiremos os case 150.000 euros de orzamento”
Os guindastres volven mañá aos pés de cinco grandes medianeiras de Carballo para servir de soporte á creatividade dos muralistas convidados ao Rexenera Fest 2024, que se celebrará na capital bergantiñá do 30 de maio ao 9 de xuño, nunha cita que chega á súa décima edición consolidada como o gran festival de arte pública de Galicia. Organizado polo departamento de Promoción Económica e Turismo do Concello carballés, volverá contar co apoio da Deputación da Coruña, que lle concedeu unha subvención de 35.000 euros, dos 149.980 que investirá neste exercicio no programa DP0040, dirixido a municipios da provincia para a realización eventos de arte pública urbana na modalidade de pintura mural.
O museo a ceo aberto no que se converteu Carballo grazas ao proxecto Derrubando muros con pintura, sumará cinco novos espazos aos 119 actuais —69, do Rexenera— e, durante os vindeiros dez días, ofrecerá a veciños e visitantes a posibilidade de seguir ao minuto as intervencións dos artistas participantes este ano: o galego Sr. X, a portuguesa Tamara Alves, o suízo Stom500, a vitoriana Amaia Arrazola e o donostiarra Pablo Astrain.
O Rexenera Fest programou tamén actividades paralelas, de balde, para todo o público: os obradoiros impartidos por Taller Trueno (de serigrafía) e por Hanqo (de estampaxe), rutas guiadas polos murais da localidade, xogos de pistas para familias e unha sesión vermú co dúo coruñés Minifundistas, quen pecharán o festival desde os pratos a ritmo de funk, afro, electrónica, rock e hip hop, o sábado 9, ás 13 horas, na rúa Coruña.
O vicepresidente, Xosé Regueira —xa desde a primeira edición, máximo valedor do Rexenera, como titular da concellería de Turismo carballesa— salientou “a aposta por un evento que leva dez anos dándolle cor as medianeiras de Carballo e que está incluído na liña de subvencións da Deputación da Coruña aos festivais de arte pública da provincia: os de Ordes, Cambre, Oleiros e Rianxo, ademais do Rexenera, entre os que repartiremos os case 150.000 euros de orzamento”.
Regueira fixo mención tamén á calidade do Rexenera, “que volve reunir algunhas das propostas máis destacadas da escena internacional da pintura mural urbana; cinco intervencións que seguirán contribuíndo, coma todo o proxecto de Derrubando muros con pintura, a configurar un espazo público moito máis atractivo e humanizado e a xerar identidade para Carballo, fronte ao desastre que nos deixaron anteriores políticas urbanísticas”.
“Esta capacidade de transformación da arte urbana», rematou o vicepresidente, “ten un valor engadido, pois o Rexenera constitúe hoxe o recurso turístico máis demandado en Carballo, xunto co surf”.
Os muralistas
- Sr. X. Artista urbano galego establecido en Londres e unha figura referencial en Europa da arte urbana feita a través da técnica do stencil. Algúns dos seus temas preferidos son a cultura pop, o cinema, a publicidade e as lendas urbanas, punto de partida para creacións cargadas de ironía e crítica social. Pintará na rúa Ponte, nº 11.
- Tamara Alves. Artista portuguesa residente en Lisboa, licenciada en Artes Plásticas e cun mestrado en Prácticas Artísticas Contemporáneas. Fascinada pola estética da rúa e os contextos urbanos, presentará o seu traballo cunha clara preferencia polos espazos públicos, construíndo unha narrativa que celebra de forma crúa e poética a vitalidade das sensacións fortes e o devir animal por oposición á deliberación racional. Pintará na rúa Rosas, nº 5.
- Natural dun pobo veciño á cidade suíza de Basilea, Stom500 cultiva un universo delirante e humorístico, alimentado a varias bandas pola eufórica enerxía dos debuxos animados e a súa faceta como deseñador gráfico e ilustrador profesional, así coma polo seu extenso bagaxe no mundo do graffiti. Stom500 é, como el mesmo se define con retranca, unha auténtica “navalla suíza”. Pintará na rúa Montevideo, nº 6.
- Amaia Arrazola estudou Publicidade e Relacións Públicas na Complutense de Madrid e durante un tempo traballou como directora de arte no sector da publicidade. En 2010 trasladouse a Barcelona, onde empezou a desenvolvendo os seus proxectos creativos, alternando a ilustración publicitaria co debuxo editorial e os traballos murais de gran formato. Cun estilo colorista e naif e unha liña contundente, as súas ilustracións adquiren unha personalidade propia e moi recoñecible tanto na aparencia coma na narrativa. Pintará na avenida Cristina, nº 52.
- Natural de Donostia, Pablo Astrain descubre o graffiti a unha idade moi temperá, o que o leva a estudar belas artes anos máis tarde na Universidade Pública Vasca e logo a completar o seus estudos na HTW de Berlín. Remata a carreira achegándose ao campo pictórico, no que recibe varios galardóns, antes de centrar a súa actividade no muralismo. A súa pintura caracterízase por unha pincelada solta e unha paleta escura, afondando na figuración dentro dun contexto narrativo e abordando temáticas e motivos que actúan case que como análises, tanto persoais como da actualidade social, a miúdo dende puntos de vista satíricos e onde abundan os retratos como eixe da composición. Pintará na avenida Flores, nº 65.