Besteiro anuncia o voto do PSOE a favor da toma en consideración da transferencia da AP-9

por Redacción Galicia

O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, anunciou hoxe o voto do PSOE a favor da toma en consideración da transferencia da AP-9 no debate da proposición de Lei enviada polo Parlamento de Galicia ao Congreso, que terá lugar o próximo 11 de xuño. Así o dixo logo da xuntanza da Interparlamentaria do PSdeG cos representantes no Parlamento de Galicia, Congreso, Senado e Parlamento Europeo.

O tamén portavoz do Grupo Socialista apostou por continuar coas bonificacións ás peaxes que estarán incluídas nos Orzamentos do Estado para “seguir sumando peldaños” mentres se produce en paralelo o proceso de traspaso. Defendeu “seguir apostando polas bonificacións ano tras ano ata que a transferencia remate co cen por cen liberado”, e que a vía sexa “absolutamente gratuíta”.

Gómez Besteiro reclamoulle ao goberno galego a reactivar tódalas mesas de transferencias, partindo pola convocatoria da Comisión Mixta de Transferencias, e “deixar de debater sen poñer cousas enriba da mesa” e reivindicar novas competencias para Galicia con “efecto real” para Galicia. Así o dixo logo dunha xuntanza que serviu para reactivar a Interparlamentaria socialista para coordinar a acción dos representantes do PSdeG nas cámaras lexislativas.

O responsable socialista explicou que os socialistas manterán unha posición “claramente dirixida á mellora do financiamento autonómico” para Galicia. Salientou que os anos de goberno de Pedro Sánchez permitiron a Galicia corrixir en máis do 30 por cento o déficit de financiamento provocado polos gobernos do PP, sen contar os fondos de Recuperación, tal e como revela o informe do Consello de Contas feito público esta semana.

Gómez Besteiro criticou a “particular forma de entender” a responsabilidade fiscal por parte dun PP que se queixa de ter menor financiamento ao tempo que reduce os ingresos da Comunidade Autónoma en máis de 2.000 millóns de euros polas exencións aos impostos para os máis ricos pola decisión unilateral de Feijóo e Rueda.

Os socialistas galegos analizaron nesta xuntanza a necesidade de potenciar a reindustrialización de Galicia con “máis economía, máis emprego e de mellor calidade”, coordinaron a acción parlamentaria na aposta polos servizos públicos e a fiscalización e vixilancia dos dereitos públicos con relación á sanidade, a educación e a dependencia e a necesidade de impulsar novas competencias para a Comunidade Autónoma.

O líder dos socialistas galegos sinalou finalmente, no marco da campaña electoral das eleccións europeas do próximo 9 de xuño, que o PSdeG é quen está a garantir maior protagonismo de Galicia en Europa. Advertiu que “quen non está en Europa non inflúe”, en alusión á “pereza” do PP e á súa ausencia  nos foros máis alá de Galicia,  que “prexudica ao país e nos leva a unha evidente perda de oportunidades”.

Von der Leyen

O candidato socialista ao Parlamento Europeo, Nicolás González Casares, participou tamén na rolda de prensa posterior á xuntanza da Interparlamentaria, na que alertou de que Galicia “non pode servir de escenario para as propostas de amizade entre a dereita e a ultradereita”. Así o dixo en alusión á visita, mañá sábado, da candidata do PPE, Ursula Von der Leyen, acompañada dun Feijóo que “pacta nas comunidades coa ultradereita”.

Reclamoulle á candidata do PP europeo que “ela mesma non caia nesas propostas” da dereita española, que “quere elevar ás institucións europeas menos liberdade e menos dereitos para as institucións europeas”. Criticou que o propio Feijóo intente obviar que España é o país da UE que mellor executa os fondos de Recuperación, que entre outras cousas serviron para manter á sanidade en pé fronte á pandemia.

Reivindicou que os socialistas galegos “somos a voz e a influenza de Galicia en Europa”, ao defender no Parlamento Europeo os intereses de Galicia en materias como a transición enerxética, a pesca, a agricultura ou a modernización do país. Dixo que os socialitas galegos “somos capaces de cambiar o sentido do voto do segundo grupo máis importante en favor dos intereses de Galicia”, fronte a “outros que son tan cativos e que defenden ideas contrarias aos intereses de Galicia”.

Etiquetas
Comparte éste artículo
Escribe tu comentario