A alcaldesa, Inés Rey, visitou hoxe unha das principais infraestruturas creadas ao abeiro das obras de humanización do sector leste do Paseo Marítimo, entre o viaduto das Ánimas e o cemiterio de Santo Amaro
A alcaldesa, Inés Rey, visitou esta mañá o novo parque infantil dos Pelamios, unha das principais infraestruturas creadas ao abeiro das obras de humanización do sector leste do Paseo Marítimo, unha intervención coa que o Concello acometeu a reconfiguración do treito comprendido entre o viaduto das Ánimas e o cemiterio de Santo Amaro.
Rey valorou a nova imaxe do paseo no quilómetro e medio onde se executaron os traballos, recuperando espazos “que lle dan unha segunda vida a este balcón ao océano que é o Paseo Marítimo, un percorrido ideal para camiñar, fomentar a práctica do deporte ao aire libre e tamén para o lecer da cidadanía”.
Baseándose nesta idea, o Concello aproveitou a superficie dispoñible ante a enseada dos Pelamios para construír o novo parque infantil, que conta cunha ampla diversidade de xogos, xa dispostos para o uso e goce da rapazada: redes de trepa, randeeiras e espazos ideados para o desenvolvemento sensorial das e dos pequenos. Parte do parque está configurado como se fose un outeiro, o que permitiu habilitar un tobogán e tamén varios minitúneles.
A rexedora apuntou que “a creación desta infraestrutura forma parte do noso plan para recuperar o bordo litoral da cidade con novos espazos públicos nos que as persoas sexan as protagonistas”, e apuntou que o novo parque infantil dos Pelamios dará servizo, por exemplo, “á veciñanza de Orillamar e tamén ás persoas residentes no sector oriental da Cidade Vella”.
“Desde o parque infantil da Mariña, en dirección á Torre, bordeando a costa leste do Paseo, só atoparemos dúas instalacións deste tipo: unha, pequena, entre a rúa Orillamar e o lateral oeste do cemiterio de Santo Amaro; e outra, en Durmideiras, na que se levaron a cabo melloras recentemente. Son espazos que, pola súa localización, con pouca superficie dispoñible na súa contorna, non poderían ser ampliados en demasía. Por iso se valorou a construción deste parque infantil, que dota a Orillamar dunha infraestrutura necesaria”, expuxo Inés Rey.