Os socialistas de Cambre esíxenlle á alcaldesa diálogo para poder acordar unhas contas

por Redacción A Coruña

Poñen de manifesto que cumpriron “a súa palabra ao facilitar o nomeamento de María Pan, pero que iso non significa entregarlle un chegue en branco e ela trata de impoñer sen diálogo”

O grupo municipal do PSdeG-PSOE de Cambre recordou hoxe, despois de que o pleno municipal rexeitase o orzamento que a alcaldesa someteu ao pleno, que “a súa palabra ao facilitar o nomeamento de María Pan, pero que iso non significa entregarlle un chegue en branco e ela trata de impoñer sen diálogo”.

Os socialistas sinalaron que a formación da rexedora, UxC, “faltou ao seu compromiso, falou de negociacións en sesións plenarias, en reunións e nos medios de comunicación, cando ese diálogo non se produciu”.

Diego Alcantarilla, voceiro do PSOE, que foi membro do goberno hasta marzo deste ano, lanzou un duro discurso, acusando á alcaldesa de “arrogancia e de non dialogar, votamos en contra pola súa atitude obstrucionista”.

Os socialistas recoñeceron que marcaron unha liña vermella no referido ao departamento de Contratación, e do mesmo xeito, explicaron, que UxC o fixo na primeira negociación do mandato con Obras e Servizos, algo que consideran dentro das canles habituais da discusión política.

Detallan, así, que o seu voto negativo tanto ás contas municipais como ao Plan Estratéxico de Subvencións débese a que o goberno local non consensuou con eles ningún dos dous documentos. Matizan que si participaron na redacción orixinal dos presupostos, pero “sen lograr incluír novas iniciativas porque, en esencia, eran os do exercicio anterior con actualizacións”.

Si apoiaron “o único asunto no que o goberno local si consultou e tomou nota”, o dos salarios, que os concelleiros do PSdeG consideran xustos.

Lembran, ademais, que os grupos do PSdeG, do PP e do BNG propuxeron un  acordo para o pago de subvencións e convenios que se deben, algúns deles dende o 2022. Trátase de evitar “graves prexuízos para as entidades beneficiarias”. Pero os socialistas consideran que, “aínda que non se pode consentir que o equipo de goberno siga metendo no mesmo expediente outras partidas para colar a súa aprobación pola porta de atrás, obriga á oposición a votar a favor”.

Por todo o antedito, o grupo socialista considera que “actuou no pleno con responsabilidade e o goberno local debe entender que falou a maioría da corporación, que ao tempo representa á maioría da cidadanía”.

“O equipo de María Pan está na obriga de atender ás peticións de abrir unha etapa de políticas de consenso, sen animadversións persoais, porque é o único xeito de sacar adiante Cambre”, afirman. Lembran que “as cambresas e os cambreses non lle concederon a Unión por Cambre unha maioría absoluta no pleno, polo que está na obriga de sumar apoios”.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario