Alfonso Rueda contrapón o modelo da Galicia que funciona fronte aos incumprimentos de Sánchez e o independentismo

por Redacción Lugo

«O 9 de xuño vótase Europa, pero tamén se votan España e Galicia»

 O presidente do PPdeG, Alfonso Rueda, pide aos galegos e galegas que acudan masivamente a votar o próximo 9 de xuño para validar o modelo da Galicia que funciona fronte aos incumprimentos de Pedro Sánchez e o radicalismo dos independentistas: «Nestas eleccións vótase Europa, pero tamén se votan España e Galicia»:

Nun mitin celebrado esta tarde en Lugo, o líder dos populares galegos explicou que o que algúns pretenden é que, quedando na casa, a cidadanía valide cuestións como a amnistía, as desigualdades territoriais ou o desgoberno. E que, polo tanto, hai que combater todo isto indo a votar masivamente e facelo tendo claros os dous modelos que hai en xogo nestas eleccións.

Contrapuxo así o modelo da Galicia que medra e avanza, na que se fai o que se promete e que é pioneira en políticas de vivenda e educación fronte ao modelo dos que din unha cousa en campaña e logo fan a contraria, os do ‘non’ a todo e tamén aqueles que son incapaces aprobar máis leis que non sexan a de amnistía.

Nesta liña, pediu aos galegos que non se deixen enganar por un nacionalismo que está intentando ocultar que o seu único obxectivo é que a voz de Galicia en Europa sexa a dos independentistas cataláns e a dun condenado por pertenza a ETA.

«Podemos evitar todo isto dando a nosa resposta nas urnas», concluíu pedindo o voto para o Partido Popular e para candidatos que, como Francisco Millán Mon ou Adrián Vázquez, defenderán a Galicia en Europa

OS AGRAVIOS DE SÁNCHEZ Á PROVINCIA DE LUGO

Pola súa banda, a presidenta do PP da provincia, Elena Candia, subliñou durante a súa intervención que «as eleccións europeas en Lugo deben ser unha resposta aos agravios do Goberno de Sánchez á provincia«. O estado das infraestruturas, a negativa a escoitar ao noso sector primario ou a falta de medidas para apoiar a continuidade do emprego en Alcoa son algún dos exemplos que citou a dirixente lucense sobre «o comportamento de Sánchez con Lugo e os lucenses».

Candia lembrou que «Lugo é a única provincia e capital de provincia galega que queda fóra da alta velocidade ferroviaria pola negativa do Goberno de Sánchez a construír as variantes proxectadas por un Goberno do Partido Popular». Tamén citou a A-6, ademais de moitas estradas nacionais, como exemplo do «mal estado das infraestruturas viarias de titularidade estatal que sufrimos tódolos lucenses a diario», ao que hai que engadir a falta de avances na construción de autovías para conectar con Ourense, Ponferrada ou a da Mariña.

A dirixente lucense incidiu en que «dende o Partido Popular escoitamos aos nosos gandeiros» e conseguimos en Europa flexibilizar a PAC, reducir a burocracia, dar marcha atrás a algúns dos excesos do Pacto Verde e que a Comisión Europea se posicionara para rebaixar o nivel de protección do lobo. Todo o contrario que o Goberno de Sánchez que se nega a escoitar ás comunidades lobeiras. Defende o lobo por riba dos gandeiros», condenou.

Elena Candia lembrou tamén «a falta de implicación do Goberno de Sánchez para o mantemento do emprego en Alcoa», a única fábrica de produción de aluminio primario en España. «Prometeran moitas cousas, pero o certo é que o Executivo estatal segue sen promover instrumentos públicos de apoio: nin garante un marco enerxético estable – non hai un estatuto electrointensivo verdadeiramente eficaz, non axiliza os parques eólicos nin os contratos de longa duración (PPAs) para abaratar o prezo da luz…- nin aclara se está disposto a unha intervención pública instrumental e temporal para buscar un comprador solvente, como si fixo con outras industrias estratéxicas a través da SEPI».

A presidenta do PP de Lugo pediu o voto para o Partido Popular do «sentido común» fronte ao «PSOE e BNG con candidatas como Teresa Ribera, que é a socialista máis ecoloxista, ou Ana Miranda que se presenta en coalición cos independentistas vascos e cataláns e se alía cos verdes en Europa que, entre outras cousas, prohibiron a pesca de arrastre no Atlántico Norte prexudicando gravemente á flota mariñá».

Así, a popular agarda que o vindeiro domingo 9 de xuño ás urnas se enchan de papeletas ao Partido Popular igual que nas municipais, nas xerais e nas autonómicas. «O Partido Popular é o partido do rural, o do mar, o da xente moza e tamén o dos nosos maiores, o das políticas para xerar oportunidades para os lucenses, o que aposta pola conciliación e o acceso á vivenda e o que defende favorecer o emprendemento, o mantemento e a creación de empregos e o impulso industrial responsable».

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario