Óscar Lomba, candidato de Podemos ao Parlamento Europeo, visitou hoxe Ponteareas para expoñer a propostas clave do partido en materia de dereitos laborais. Acompañado polo seu equipo de campaña, Lomba compartiu cos asistentes do mercadillo local de Ponteareas as iniciativas que Podemos defenderá en Bruxelas, salientando a xornada laboral de 30 horas, a redución da fenda salarial e a democratización das empresas.
Na súa intervención, Lomba subliñou a necesidade dunha xornada laboral de 30 horas semanais para mellorar a calidade de vida e fomentar unha distribución equitativa do traballo doméstico e de coidados entre homes e mulleres. «Queremos máis tempo para vivir e avanzar cara á corresponsabilidade«, afirmou. Ademais, salientou a importancia de racionalizar os horarios laborais e promover o teletraballo, así como protexer os tempos de desconexión e establecer plans de respiro familiar.
Entre as propostas económicas, Lomba salientou a necesidade dunha «Garantía europea de crecemento salarial» que reconecte os salarios coa produtividade e restitúa o peso dos salarios na renda dos Estados ao nivel previo á crise de 2008. Tamén defendeu un salario mínimo digno do 75% do salario medio, equivalente a 1.600€ ao mes en España, para garantir unha vida digna a todos as traballadoras e traballadores europeos.
A loita contra a fenda salarial e a desigualdade tamén é un piar central do programa. Podemos propón limitar a diferenza salarial nunha empresa a 20 veces o salario máis baixo e desenvolver normativas para asegurar unha repartición equitativa dos resultados empresariais. Así mesmo, Lomba salientou a necesidade de reforzar a protección contra o despedimento, propoñendo indemnizacións que compensen a perda real do traballador.
Podemos tamén avoga pola creación dun seguro de desemprego europeo e unha protección especial para as mozas e mozos, que condicionen ao tempo cotizado e teñan en conta a intermitencia no emprego. Ademais, impúlsase a figura do traballador autónomo vulnerable para protexer aos máis precarios e frear a uberización da economía mediante unha normativa xusta para a economía dixital.
En canto á democratización das empresas, Lomba mencionou o apoio ás empresas de economía social e a obrigatoriedade da coxestión en empresas de máis de 50 traballadores, para que estes participen na dirección con voz e voto.
Finalmente, Lomba salientou a importancia dunhas pensións dignas e a estratexia europea para elevar as pensións máis baixas, asegurando que nunca estean por baixo do limiar da pobreza e avanzando cara á redución da fenda de xénero nas pensións.
A visita de Óscar Lomba a Ponteareas foi unha oportunidade para conectar coa cidadanía e compartir as propostas programáticas de Podemos para construír unha Europa máis xusta e equitativa en termos laborais. A militancia de Podemos continuará a súa campaña en diversos puntos de Galicia, levando esta mensaxe a todos os recantos de Vigo e Pontevedra.