A Liga comarcal de fútbol-sala, promovida pola área de Deportes do Concello de Verín e patrocinada pola entidade Caja Rural, xa ten gañador. O equipo Entroideiros Futsal proclamouse campión tras unha excelente tempada, acumulando 51 puntos grazas a 16 partidos gañados, 3 empatados e só 2 perdidos. Esta sólida actuación permitiulles obter unha vantaxe final de trece puntos sobre o subcampión, A Barbería-Euroveiga FS.
O club vencedor está composto polos seguintes xogadores: Afonso Delgado «Apo» (capitán e presidente do clube), Fernando Vila, Adrián Medina, Marc González, José Carlos Castro, Jorge González, Miguel Salgado, Javier Rodríguez, Brais Rivero, Luis Dopeso, Daniel Pérez, Brais Prieto e Antucho Espinosa. Estes deportistas consolidaron a súa vitoria grazas a unha defensa sólida e un xogo dinámico e atractivo que lles confería un gran poder ofensivo.
De feito, Entroideiros Futsal destacou por ser o equipo menos goleado, con 36 goles en 21 partidos (1,7 goles por partido), e o segundo máximo goleador, con 85 tantos (4 goles por partido). Ademais, varios dos seus xogadores son fortes candidatos aos premios de MVP e Mellor Porteiro da competición, cuxos resultados se coñecerán na Cea-Gala de final de tempada o vindeiro 14 de xuño.
A Liga Caja Rural celebrou un total de 132 partidos entre os equipos participantes, dende novembro ata maio, e completou con notable éxito o obxectivo inicial de fomentar o futsal como disciplina deportiva e promover a práctica deportiva entre os veciños da comarca. Este obxectivo forma parte do plan de «Vida Saudable» que está a desenvolver o Concello de Verín. Coa finalización da liga, os equipos campión e subcampión, Entroideiros Futsal e A Barbería-Euroveiga FS, obtiveron a súa praza oficial para competir na Super Copa Caja Rural da tempada vindeira.