Reforzada a seguridade peonil na praza da fonte de Santa Catalina

por Redacción A Coruña

A alcaldesa visitou esta mañá a praza, onde se completou o plan de melloras previsto no pavimento e o mobiliario urbano

A alcaldesa, Inés Rey, supervisou esta mañá as melloras executadas na praza da fonte de Santa Catalina, no barrio da Pescaría, onde o Concello xa rematou os traballos para substituír as antigas tarimas de madeira por novas superficies de pedra, co obxectivo de reforzar a seguridade peonil no paso pola praza.

Rey expuxo que se levou a cabo esta intervención atendendo a unha petición da cidadanía, «xa que os listóns de madeira supoñían un risco para a seguridade das e dos transeúntes, especialmente nos días de choiva». Neste sentido, en marzo comezou a retirada dos listóns de madeira e, xa posteriormente, a disposición de novas pezas de granito gris alba, material que vai en sintonía coa estética xeral da praza.

O material das novas pezas de granito da praza son idénticas, por exemplo, ás dispostas noutro enclave peonil do barrio da Pescaría, a rúa Compostela. A maiores, e aproveitando a actuación, o Concello tamén renovou o mobiliario urbano da praza da fonte de Santa Catalina, onde se instalaron unha ducia de novos bancos de barrotes, con respaldos de madeira.

As melloras en Santa Catalina, en paralelo aos avances en San Andrés

A intervención en Santa Catalina é unha medida complementaria que reforza o plan de melloras que o Concello está a executar na rúa San Andrés e a súa contorna, cun investimento de 3,2 millóns de euros.

Inés Rey, acompañada hoxe polo concelleiro da Área de Economía e Planificación Urbana, José Manuel Lage, e pola concelleira de Innovación, Mobilidade e Infraestruturas, Nereida Canosa, lembrou que as obras en San Andrés «seguen segundo o previsto, cumprindo os prazos e con avances visibles. Non hai moitos días atrás levouse a cabo a reapertura ao paso do tráfico rodado na rúa Sol, ata o Paseo Marítimo».

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario