A Carreira Greenpower reúne este sábado no circuíto das Pontes a 10 equipos procedentes de Galicia, Asturias, Cantabria e de Madrid 

por Redacción Galicia

O campionato está organizado pola Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF) baixo o paraugas do Campus Industrial da Universidade da Coruña e en colaboración coa Escudaría As Pontes Motorsport

A Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF), baixo o paraugas do Campus Industrial da Universidade da Coruña e en colaboración coa Escudaría As Pontes Motorsport, organiza, este sábado 8 de xuño, de 10.00 a 18:00 horas, no circuíto de karting pontés, a I Carreira Greenpower de Galicia, un campionato non clasificatorio no que participan un total de 10 equipos nas categorías F24 (de 11 a 16 anos) e F24+ (de 16 a 25 anos) procedentes de distintos puntos da comunidade autónoma así como de Asturias, Cantabria e de Madrid.

Os xardíns do Campus Industrial de Ferrol acolleron este martes a rolda de prensa de presentación da I Carreira Greenpower de Galicia na que participou a vicerreitora do Campus de Ferrol e Responsabilidade Social, Ana Ares Pernas, quen destacou o interese de pór en marcha iniciativas coma esta para visibilizar o eido das enxeñarías e, ao mesmo tempo, animou ao alumnado participante nas probas ABAU a estudar no Campus Industrial de Ferrol. Na mesma liña se amosou a concelleira de Educación, Universidade e Política Lingüística do Concello de Ferrol, Patricia Cons, quen salientou a oportunidade que supón para a cidade departamental e para a comarca de Ferrolterra a posta en marcha de proxectos innovadores liderados pola Universidade da Coruña en colaboración co tecido empresarial e social da contorna.

Pola súa banda, o alcalde do Concello das Pontes, Valentín González Formoso, fixo unha aposta pola mobilidade sostible e puxo ao dispor da organización da I Carreira Greenpower de Galicia o circuíto de karting da localidade non só para este evento “senón para todos os que están por vir”. O director do Campus Industrial da Universidade da Coruña, Marcos Míguez, aproveitou a súa intervención para agradecer o apoio prestado polos patrocinadores e o director da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF), Vicente Díaz Casás, salientou o interese dunha iniciativa que permite que o alumnado implicado traballe determinadas competencias brandas como poden ser a comunicación, o traballo en equipo, o liderado ou a resolución de problemas.

Pola súa banda, o coordinador do Proxecto Greenpower na Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF), o profesor José Manuel Amado Paz, explicou que o estudantado de ESO, Bacharelato, Ciclos de FP e de universidade inscrito na carreira  participará na mesma con vehículos eléctricos “construídos desde cero” ou ben botando man dun kit básico proporcionado por Greenpower Iberia que inclúe as rodas, os eixos dianteiro e traseiro, o chasis, o motor así como un par de baterías. Este último, é o caso do alumnado de grao e de máster que integra o EPEF Racing Team quen estivo a traballar durante todo este curso académico no deseño e na construción dunha carrocería aerodinámica que mellore a eficiencia e a velocidade do vehículo logo de que o Campus Industrial da Universidade da Coruña adquirise o citado kit.

José Manuel Amado Paz lembrou tamén que nesta competición, o equipo gañador será aquel que consiga percorrer máis de quilómetros sen que se lle esgote a batería. Deste xeito, non gaña o equipo máis rápido senón aquel que conduce do xeito máis eficiente e sustentable posible. Así, os 10 equipos participantes na I Carreira Greenpower de Galicia terán que superar dúas probas de resistencia de 60 minutos de duración cada unha no circuíto de karting situado no Concello das Pontes.

Tamén participaron na rolda de prensa de presentación da I Carreira Greenpower de Galicia o integrante da directiva da Escudaría As Pontes Motorsport e profesor do IES Plurilingüe Castro da Uz das Pontes, Marco López Riveira, e o representante de Greenpower Iberia en Galicia e profesor do IES Vilalonga de Sanxenxo, Santiago Covelo.

Colaboran nesta iniciativa, a Deputación da Coruña, o Concello de Ferrol, o Concello das Pontes, o grupo Intaf, o concesionario Renault Caetano Fórmula Galicia, o IES Plurilingüe Castro da Uz e a Carpintería Madesa das Pontes xunto con Supermercados Gadis.

Finais internacionais en Silverstone ou Goodwood, en Reino Unido

A nivel internacional, empresas como Siemens, Renishaw, Cummins, Jaguar, LandRover, Bentley e Perkins teñen participado neste proxecto para motivar aos e ás profesionais do futuro. Forman parte desta rede internacional máis de 30.000 estudantes que forman arredor de 2.500 equipos e que participan en preto de 80 carreiras rexionais, nacionais e internacionais nas categorías Goblin (de 9 a 11 anos), Fórmula 24 (de 11 a 16 anos) e Fórmula 24+ (de 16 a 25 anos) en países como EE.UU, Reino Unido, China, India, Singapur, Malasia, Polonia, Portugal ou España.

As finais internacionais dispútanse en circuítos como o de Silverstone ou o de Goodwood Motor en Reino Unido xunto coas finais nacionais nos Racing Weekends da Real Federación Española de Automobilismo (RFEDA) incluíndo Navarra en 2021, Montmeló en 2022 e Valencia en 2023, espazos onde os equipos educativos Greenpower poden compartir compartir experiencias con profesionais da Fórmula 4, do TCE e ou do Porsche Sprint Challenge de Iberia.   

Listaxe de equipos participantes na I Carreira Greenpower de Galicia

EquipoNomeCategoríaCentro
1KartxunquiñoF24+CIFP A Xunqueira (Pontevedra)
2KartlongaF24+IES Vilalonga (Sanxenxo, Pontevedra)
3Abrente GpF24+IES O Ribeiro (Ribadavia, Ourense)
4ViVeiRo KRt & CoF24+IES María Sarmiento (Viveiro, Lugo)
5Kastro Sport TeamF24+IES Plurilingüe Castro da Uz (As Pontes de García Rodríguez, A Coruña)
6ORDES AUTOMOCIÓNF24 F24+IES Ordes (Ordes, A Coruña)
7EPEF Racing TeamF24+Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol – Universidade da Coruña (Ferrol, A Coruña)
8Comet GenF24Asociación Llume Yerbata (Bimenes, Asturias)
9Team Cantabria Fuente FresnedoF24
F24+
IES Fuente Fresnedo (Laredo, Cantabria)
10Greenpower Tajamar – Black SparksF24Colegio Tajamar (Puente de Vallecas, Madrid)

F24 (de 11 a 16 anos) e F24+ (de 16 a 25 anos)

Máis información: www.greenpoweriberia.org

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario