Reclama ao Ministerio de Transportes adoptar as medidas necesarias no cruzamento de Queirís, chegando a construír unha rotonda para diminuír o número de accidentes
A través da portavoz municipal do BNG no Concello de Coirós, Pura Ferreño, o deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, vén de rexistrar iniciativas para que o Ministerio de Transportes adopte medidas urxentes co obxectivo de mellorar a seguranza viaria na N-VI á altura de Queirís. A organización nacionalista reclama medidas como a mellora do pavimento e da sinalización, medidas de calmado do tráfico, a mellora dos accesos e saídas desde as vías transversas e medidas de protección da contorna do Centro Social de Queirís despois do último accidente ocorrido o pasado 30 de maio no quilómetro 570.
O paso da N-VI polo termo municipal de Coirós foi obxecto de diversas iniciativas do BNG, tanto no Concello como nas Cortes do Estado e, no concreto, no Congreso durante a pasada lexislatura. De facto, a frente nacionalista ten demandado un Plan Integral que supoña a súa rehabilitación completa co obxectivo de eliminar este punto negro e outros moitos que posúen as infraestruturas viarias nesta comarca galega.
O último accidente produciuse o pasado 30 de maio na N-VI no punto quilométrico 570, unha zona poboada e próxima a casas habitadas e ao Centro Social de Queirís. Afortunadamente non houbo que lamentar vítimas. «Cabe lembrar que se teñen realizado pola veciñanza actos de protesta e concentracións para exixir a reforma da intersección da N-VI coa variante que circunvala Betanzos e que leva décadas esperando a ser reformada» recorda a portavoz municipal do BNG en Coirós.
«No cruzamento de Queirís sería necesario construír unha rotonda e adoptar medidas de seguridade viaria para frear o elevado número de accidentes» subliña o deputado do BNG no Congreso. Ademais, engade Néstor Rego, a veciñanza tamén reclama a mellora do pavimento e da sinalización, un paso de peóns regulado por semáforos, medidas de calmado do tráfico, a mellora dos accesos e saídas desde as vías transversais e medidas de protección da contorna do Centro Social de Queirís, lugar próximo ao último sinistro.
Segundo explica o deputado nacionalista, o Ministerio de Transportes ten que adoptar todas as medidas necesarias para mellorar a seguranza viaria nesta infraestrutura, sobeu paso por núcleos de poboación. «Debe construír a rotonda no cruzamento de Queirís e adoptar outras medidas de reforzo da seguranza viaria neste tramo como o reforzo da sinalización, medidas de calmado do tráfico, mellora dos accesos e medidas de protección da contorna do Centro Social de Queirís e a localización de paso de peóns regulados por semáforos» sentenza Rego.