O Atlantic Pride 2024 completa o cartel da súa quinta edición con Nena Daconte, Shego, Morreo e Raúl, entre outras figuras

por Redacción A Coruña

Inés Rey destacou a evolución dun certame que é “un dos referentes musicais do Orgullo no país”

Nena Daconte, Shego, Morreo, Raúl, Selena Leo, Eris MacKenzie e Filloas súmanse ao cartel da quinta edición do Atlantic Pride. Así o presentou esta mañá en rolda de prensa en María Pita a alcaldesa da Coruña, Inés Rey, acompañada polos directores do festival, Iván Cervo, César Pérez e Luís Pazos. Tamén participaron  o responsable de patrocinios musicais de Estrella Galicia, Juan Martínez Inchausti, e as representantes das empresas patrocinadoras do evento: Coruña The Style Outlets (Ainhoa Paz, xerente) e Globalgrafic (Judith Rama, xerente).

Entre o 7 e o 14 de xullo, A Coruña volverá ser a sede do ‘Orgullo do Norte’ para celebrar a quinta edición do Atlantic Pride. Neste 2024, o festival propón oito xornadas de música e celebración ao redor da diversidade sexo-afectiva e de identidade na que promete ser, novamente, unha das citas imprescindibles do verán no noroeste peninsular. O festival está impulsado polo Concello da Coruña e a Asociación Orgullo Coruña -ORCO.

«Desde o Concello levamos colaborando con este festival desde os seus comezos e estamos moi orgullosos do seu crecemento e do éxito que supón a súa celebración ano tras ano, sendo xa, por méritos propios, parte da nosa programación cultural do verán», sinalou a alcaldesa, que tamén afirmou que este certame é «un dos referentes musicais do Orgullo a nivel nacional».

No acto de presentación celebrado esta mañá, o director do Atlantic Pride, Iván Cervo, fixo un repaso das novidades que lle agardan ao público nesta quinta edición do encontro e desvelou, tamén, o seu programa por días, que pódese consultar na web do festival: www.atlanticpride.es.

A diversión e autenticidade chegarán ao festival coa mestura de tradición, electrónica e verbena do produtor e músico Eris MacKenzie -o domingo 7 de xullo, na Fundación Luis Seoane- e da man do pop urbano en galego de Filloas -o martes 9 de xullo na Praza de Pontevedra-.

Pola súa banda, Morreo destilará hedonismo e xuventude sobre o escenario do Atlantic Pride o luns 8 de xullo na Praza de Pontevedra, para presentar o seu catálogo sinestésico de pop iberoamericano corido e luminoso, cargado de baixos tropicais, referencias castizas e riffs de teclados cañís.

Tras percorrer nos últimos tempos os escenarios de grandes festivais como o BBK, o Sonorama, o Vida ou o Low, Shego aterra no Atlantic Pride o mércores 10 de xullo para facer gala do seu hipnótico carisma xogando con xéneros diversos como o rock, o pop, o punk e o dance. Mentres, a integrante dun dos dúos máis icónicos dos anos 2000, Selena Leo, visitará o Atlantic Pride o xoves 11 de xullo, nos Xardíns de Méndez Núñez, disposta a que o público poida ‘bailar toda a noite’ coa súa fusión latina e a súa viaxe musical aos anos 90 e os 2000.

O venres 12 de xullo, Nena Daconte presentará en directo o seu último disco, Casi Perfecto, co que reivindica o seu pasado máis pop-rock en temas en torno ao amor, o desamor, a soidade e o paso do tempo. Finalmente, Raúl, gañador do Premio Latino de Oro á súa traxectoria musical, ofrecerá na Coruña -o domingo 14 de xullo, nos Xardíns de Méndez Núñez- un directo no que non faltarán os seus grandes éxitos dos 2000, como Sueño su boca, Baila ou Prohibida.

Como novidade neste 2024, nacen as Afterpaties do Atlantic Pride, para que o público poida continuar a festa en salas seleccionadas da cidade unha vez rematados os concertos ao aire libre do festival. Moi pronto daranse a coñecer todos os detalles destas novas «sesións golfas» do festival.

Xunto aos novos nomes desvelados esta mañá -Nena Daconte, Shego, Morreo, Raúl, Selena Leo, Eris MacKenzie e Filloas-, no Atlantic Pride 2024 está tamén confirmada a presencia das estrelas eurovisivas Nebulossa, Rosa López, Las Ketchup e Lucía Pérez, xunto a figuras que pisan forte na nova escena galega, como Mondra, Sila Lúa, O Rabelo e Nenaza, Catuxa Salom, Lontreira e Amoebo. Na festa deste ‘Orgullo do Norte’ non faltarán, tampouco, as voces de grandes divas como Chanel, Luna Ki e Supremme de Luxe, ademais das drags Nomi Bull, Cloe Savage e Meiga-I.

O grupo Vengaboys será o encargado de poñer o acento internacional a este Atlantic Pride 2024, mentres que as pinchadas correrán a cargo dos dj’s EME DJ, S.Alma, La Suprema, D-Lemma, DJ90, DJ Licho, Roi Porto, La Eterna e DJ Flashback. O festival contará, tamén, coa actuación especial do Coro «Cores».

«Este festival tamén exerce como un elemento de atracción turística, pois a versatilidade do seu cartel de artistas fai que moitas persoas de Galicia e outros puntos da península se despracen eses días ata aquí para gozar dos concertos», destacou a alcaldesa do festival, sinalando a importancia de contar con actividades paralelas como o certame de literatura LGTBIQ+, que conta con 1.000 euros en premios.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario