A cooperativa compostelá Fenda Studio Creativo, premiada pola Deputación da Coruña e Fundación Paideia

por 21 Noticias

O Centro Xove de Creación Cultural de Santiago de Compostela acolleu onte o acto de presentación dos proxectos  participantes no programa «Márketing Dixital e Cooperativismo», impulsado pola Deputación da Coruña, Fundación Paideia e a Escola de Organización Industrial (EOI) tras o cal seleccionouse á cooperativa gañadora desta edición. A parte formativa deste programa, de carácter gratuíto, realizouse entre febreiro e xuño en Santiago de Compostela e A Coruña e dirixíase a mozos e mozas menores de 30 anos en situación de desemprego.

Grazas a este proxecto, a cooperativa Fenda Studio Creativo formada por Elena Iglesias, Daniela Domínguez, Ana Crujeiras e Manuel Sisto, catro mozas e mozos de Santiago de Compostela, recibirá 60.000€ de premio para financiar a posta en marcha e o primeiro ano de actividade.

Ao acto asistiron Rosa Ana García, deputada de Emprego da Deputación da Coruña ; Eva Curto Izquierdo, en representación da Fundación EOI; Natalia Ponte, Socia da cooperativa Moira, premiada na edición anterior; Guillermo Vergara, vicepresidente da Fundación Paideia Galiza e María Rozas, concelleira de Dereitos e Servizos Sociais, Promoción Económica e Mocidade do Concello de Santiago de Compostela.

Rosa Ana García destacou a importancia de impulsar programas como este, que axudan á mocidade a emprender no ámbito da economía social e nun sector puxante, como é o do marketing dixital.

Fomentando o cooperativismo como modelo de emprendemento

A Fundación EOI – Escola de Organización Industrial (entidade dependente do Ministerio de Industria e Turismo) e a Fundación Paideia Galiza levan desenvolvendo nos últimos anos accións dirixidas ao fomento do cooperativismo como modelo de emprendemento solvente. Tras as edicións de 2022 e 2023, nas que resultaron premiadas as cooperativas Kracia e Moira, realizouse unha terceira edición do programa «Marketing Dixital e Cooperativismo» na Coruña e Santiago de Compostela, co financiamento do Fondo Social Europeo.

O obxectivo do programa é mellorar a empregabilidade da mocidade galega creando oportunidades a través de modelos de traballo cooperativo nun sector en continuo crecemento como o do márketing dixital.

A esta iniciativa súmase o apoio do Concello de Santiago e da Deputación da Coruña, que colabora coa Fundación Paideia Galiza na dotación do premio de 60.000 € ao mellor proxecto cooperativista.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario