ABANCA reúne na Coruña a 6.000 empregados para celebrar o seu 10 Aniversario

por 21 Noticias

ABANCA celebrou hoxe na Coruña un evento corporativo para celebrar os seus primeiros dez anos de actividade e comezar a trazar a súa estratexia de cara ao futuro. O evento reuniu a máis de 6.000 persoas procedentes de distintos puntos de España, Portugal e outros nove países de Europa e América nos que a entidade financeira desenvolve a súa actividade.

A axenda do día, de marcado carácter festivo, incluíu as intervencións do presidente do banco, Juan Carlos Escotet Rodríguez, e do conselleiro delegado, Francisco Botas, quenes lembraron a positiva evolución do banco desde o seu lanzamento en xuño de 2014 e presentaron as grandes liñas da estratexia para os próximos exercicios.

“Dez anos despois, volvemos a este mesmo lugar, escenario da nosa primeira convención, como unha entidade plenamente asentada, competitiva, con personalidade diferenciada e recoñecida polo mercado”, destacou Juan Carlos Escotet Rodríguez.

“Somos unha organización que pensa no longo prazo: temos por diante un proxecto de crecemento para desenvolver o noso modelo como entidade financeira e seguir facendo historia”, sinalou Francisco Botas.

Organización e loxística

O evento co que ABANCA celebra o seu décimo aniversario supuxo un gran despregamento organizativo e loxístico que se traduciu nunha ampla repercusión social e económica en Galicia. A organización da cita seguiu os criterios de apoio á economía local, sostibilidade e inclusión social.

Preto de 3.000 desprazamentos, máis de 1.500 prazas hoteleiras, decenas de empresas contratadas, na súa maioría galegas, e preto de 600 profesionais que traballaron antes, durante e despois do evento son algúns dos números máis destacados da convención celebrada hoxe.

Dez anos de transformación

Desde o seu lanzamento en xuño de 2014, ABANCA executou un amplo plan de transformación en gobernanza, cultura corporativa, comercial e tecnoloxía que a situou como unha entidade con personalidade diferenciada no mercado, plenamente solvente, rendible de maneira recorrente, e comprometida coa súa contorna e coa sostibilidade.

Como primeiro paso, a entidade implantou un novo modelo de goberno corporativo baseado na profesionalidade e as mellores prácticas das sociedades cotizadas. Esta decisión acompañouse da creación dunha nova cultura corporativa baseada na calidade, a confiabilidade, a responsabilidade e a innovación.

No terreo comercial, ABANCA lanzou un modelo de atención omnicanal que aúna as vantaxes da tecnoloxía co trato persoal; actualizou o seu catálogo con novos produtos e servizos sinxelos, competitivos e innovadores, en financiamento, aforro e investimento, seguros etc.; renovou a súa rede cun novo modelo de oficina; e creou unidades especializadas para atender aos clientes con necesidades diferenciadas (banca privada e persoal, agro e mar, seguros, empresas, xestión de activos, financiamento ao consumo, entre outras).

En crecemento

Nestes dez anos o banco veu crecendo orgánica e inorgánicamente cunha marcada vocación ibérica. A entidade multiplicou por 2,1 o seu volume de negocio, por 3,2 a súa marxe financeira e por 1,6 os seus gastos de explotación, cifras que tiveron reflexo na mellora da eficiencia.

Un dos principais instrumentos de desenvolvemento foron as adquisicións realizadas, todas elas complementarias co modelo e estratexia da entidade e integradas exitosamente. Tras a recente integración de TARGOBANK, o banco ultima agora a adquisición de EuroBic, coa que triplicará a súa presenza en Portugal e converterase nun dos principais bancos do país.

ABANCA investiu nos últimos anos máis de mil millóns de euros en dixitalización, para crear proxectos como ABANCA Conecta ou B100 e desenvolver novas capacidades como Firma ABANCA ou a robotización de procesos. A través da súa estratexia de innovación a entidade multiplicou por cinco o seu número de clientes dixitais e conta cunha das mellores apps de banca móbil do mercado.

O conxunto destas iniciativas deu lugar a unha positiva evolución dos índices de prescrición e a un incremento das cotas de mercado en todas as liñas.

Esta profunda transformación traduciuse nunha mellora constante das cualificacións emitidas sobre a entidade polas catro axencias de rating que a avalían. Todas elas sitúan a ABANCA en grao de investimento.

De esquerda a dereita na imaxe, o presidente de ABANCA, Juan Carlos Escotet Rodríguez, e o conselleiro delegado, Francisco Botas.

Sostibilidade

Esta boa posición en materia de cualificacións esténdese ao terreo da sostibilidade, no que ABANCA é o 8º banco do mundo na clasificación da axencia Sustainalytics e conseguiu excelentes cualificacións de Moody’s Analytics e MSCI ESG Ratings.

A través do seu Plan de Acción de Banca Responsable e Sostible 2021-2024 o banco aliñou a sostibilidade coa súa estratexia de transformación, integrando no seu modelo (de xestión, de negocio e de riscos) os aspectos ambientais, sociais e de gobernanza (ESG). O banco persegue un dobre obxectivo: por unha banda, incorporar ao seu funcionamento como organización prácticas sostibles (uso de enerxía de orixe renovable, redución de consumos, reciclaxe/reutilización, minimización de desprazamentos etc.), e, por outro, acompañar aos seus clientes nos seus procesos de transición cara á sostibilidade.

Impacto na sociedade

Desde o momento do seu lanzamento como entidade financeira, ABANCA situou o compromiso social e coa súa contorna como unha das súas máximas prioridades.

En primeiro lugar, ABANCA impacta positivamente na economía pola súa contribución directa ao PIB. Tamén a través da concesión de crédito, cifrada en 56.504 millóns de euros entre 2013 e 2023. Outro plano da súa achega é o da accesibilidade financeira, con apoio preferente aos colectivos especialmente sensibles, como os maiores.

O desenvolvemento do propio proxecto de ABANCA constitúe para a súa contorna unha panca de xeración de emprego cualificado e altamente tecnolóxico. O persoal total do banco creceu nun 50% nos últimos dez anos, ata os 8.000 empregos. Ademais, a entidade dinamiza de maneira significativa a economía local a través da contratación de numerosos provedores en múltiples sectores.

Como entidade socialmente responsable, o banco desenvolve unha ampla actividade en educación, cultura, medioambiente, educación financeira, atención a maiores ou deporte, tanto de maneira directa desde ABANCA como a través de Afundación, a súa Obra Social. Este compromiso tradúcese nunha forte dotación orzamentaria, mantida ano tras ano, que ata este momento supón un importe total de 120 millóns de euros.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario