O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, reuniuse hoxe co coronel xefe da Comandancia da Garda Civil de Lugo, Manuel Touceda, para abordar a colaboración entre ambas institucións nun proxecto solidario vencellado ao Camiño Primitivo. Na xuntanza, a segunda que manteñen Arias e Touceda na sede da Xunta desde que este ocupa a xefatura da Comancia de Lugo, tamén participou o presidente da Asociación de Amigos do Camiño de Santiago da provincia de Lugo, Ángel Trabada.
Arias destacou a cooperación estreita coas forzas e corpos de seguridade que velan pola protección dos peregrinos e puxo en valor o traballo da Xunta para mellorar os treitos da ruta xacobea que coinciden con estradas autonómicas, como a recente execución dunha senda peonil de 1,3 quilómetros na LU-530 entre os núcleos de Carballido e Manzoi, no termo municipal de Lugo, cun investimento de 185.000 euros.
Esa actuación desenvolveuse no marco do plan de mellora da seguridade en tramos do Camiño de Santiago impulsado pola Xunta. Na provincia de Lugo, desde 2021 acondicionáronse uns 60 puntos conflitivos cun investimento aproximado dun millón de euros.