A Xunta publica a licitación dos servizos de cafetería dos centros hospitalarios da Coruña por un importe de máis de 10,5 M€

por Redacción A Coruña

O portal de Contratos Públicos de Galicia anuncia hoxe a saída a concurso das cafeterías do Hospital Público da Coruña, o Hospital Marítimo de Oza, o Hospital Abente y Lago e o Centro de Especialidades do Ventorrillo

A Xunta, a través do Servizo Galego de Saúde, vén de publicar no Portal de Contratos Públicos de Galicia o anuncio de licitación dos servizos de cafetería do Hospital Público da Coruña, do Hospital Marítimo de Oza, do Hospital Abente y Lago e do Centro de Especialidades do Ventorrillo por un valor estimado de 10.567.508 euros.

O contrato de servizo prevé unha duración de catro anos, coa posibilidade de prorrogarse durante un ano máis.

A razón deste expediente é satisfacer a prestación dos servizos de cafetería-comedor para o persoal destes centros, os seus usuarios, familiares e acompañantes dos pacientes que reciban asistencia nestas instalacións sanitarias.

As empresas interesadas en participar neste contrato de servizo poderán presentar as súas ofertas de xeito telemático na seguinte ligazón electrónica: Silex (conselleriadefacenda.es). O prazo para a achegar as ofertas estenderase até o vindeiro 16 de xullo ás 14,00 horas.

Co obxectivo de facilitar a elaboración das súas propostas, os interesados poderán visitar os locais e espazos obxecto da contratación, solicitándoo previamente mediante correo electrónico ao Servizo de Contratación da Área Sanitaria da Coruña e Cee: contratacion.asacec@sergas.es .

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario