Os deputados provinciais Antonio Ameijide e Armando Castosa visitaron as instalacións da Deputación no polígono de Carral xunto a unha funcionaria provincial á que agradeceron “a súa boa predisposición e explicacións facilitadas durante o percorrido”
Tras máis de seis meses de espera, os deputados do Grupo Provincial Popular accederon ás instalacións da nave que a Deputación de Lugo ten no polígono de Carral (Begonte), onde puideron comprobar que “PSOE e BNG montaron alí un desguace e un vertedoiro”.
Os deputados populares Antonio Ameijide e Armando Castosa visitaron estas instalacións, acompañados dunha funcionaria provincial, á que agradeceron “todas as explicacións facilitadas durante a visita” na que comprobaron “a gran cantidade de material que podería ser moi útil para moitos concellos que se está a perder alí tirado”.
A realidade é que “agora que por fin nos autorizaron a entrada semella que por fin van a realizar un mínimo mantemento da parcela, como a propia Deputación lle esixe a calquera particular, así como o inventario de todo o que alí hai”.
Entre todo o material que alí hai tirado os deputados populares atoparon:
- Dous barcos
- O catamarán afundido no río Miño
- Varias embarcacións de menor tamaño
- Os patíns que había dispoñibles para alugueiro na zona de Os Robles
- Tres embarcacións pneumáticas
- Motores para embarcacións
- Varios pantaláns
- Lavadoras industriais
- Maquinaria de todo tipo como cortacéspedes, camións, tractores ou ferramentas para o esculpido e talla de pedra para realizar esculturas
- Elementos de xogo de parques infantís
- Elementos para a práctica do deporte, como canastras
- As antigas cadeiras pregables do Pazo dos Deportes
- Sinalización do Camiño de Santiago
- Material de oficina
- Estatuas e tallas do famoso escultor Manuel Mallo
O voceiro provincial popular Antonio Ameijide pregunta a José Tomé “que consegue tendo todo ese material podrecendo dentro desa nave, en lugar de poñelo en valor e todos aqueles elementos aínda útiles poñelos a disposición de calquera concello da provincia que o puidese precisar”.
Tamén lanzan outra pregunta tras realizar esta inspección das naves: “PSOE e BNG teñen pensado recuperar estas instalacións para dar servizo aos lucenses ou van a seguir permitindo que tanto a nave como todo o material que alí hai tirado siga perdéndose?”.
Unha pregunta sobre a que Antonio Ameijide recorda que “anos atrás, cando a Deputación de Lugo tiña á fronte a un goberno do PP que se preocupaba por facer medrar economicamente á provincia, estas instalacións realizaban un gran traballo, xerando riqueza para a provincia, como puido ser con todas as pezas de cantería que se realizaron para a Sagrada Familia de Barcelona, entre outras funcións”.