O BNG trasladará a problemática ao Parlamento Galego e ás distintas institucións «para buscar unha mellor ubicación a este proxecto, que non afecte nin ás vivendas nin ás augas da zona»
O portavoz do BNG e Tenente Alcalde do Concello de Lugo, Rubén Arroxo, anunciou que o BNG manterá un encontro no Parlamento Galego coa veciñanza afectada polo proxecto de construcción dunha fábrica de Metano en Coeses, que actualmente se atopa en exposición pública e en prazo de alegacións. A deputada do BNG Montserrat Valcárcel recibirá no Parlamento á veciñanza afectada, onde escoitará as súas reclamacións e compartirá a postura do BNG.
O BNG trasladará tanto ao Parlamento Galego como ás distintas institucións onde ten representación a problemática trasladada polas veciñas e veciños «ante un proxecto que producirá ruídos, cheiros e que pode ter influencia na calidade da auga da zona», afirmou Rubén Arroxo, que engadiu «colaboraremos tamén axudando a presentar alegacións ao proxecto para que as veciñas e veciños poidan amosar o seu rexeitamento a esta plana».
O BNG reclama, xunto coa veciñanza da zona, que se valore unha ubicación alternativa «que non afecte a ningún núcleo de poboación». A Xunta de Galiza declarou o proxecto como iniciativa empresarial prioritaria, o que conleva a simplificación de trámites administrativos, «mais o que debe ser prioritario é garantir que as veciñas e veciños da contorna non vexan mermada a súa calidade de vida por esta planta», afirmou Rubén Arroxo.