Unha campaña anual para dar a coñecer o noso patrimonio
Verdegaia continúa en xuño coa campaña ‘12 Meses, 12 Saberes’ que decorrerá ao longo deste 2024 co obxectivo de dar a coñecer aspectos singulares do patrimonio natural e etnográfico galego. Coa celebración dunha andaina cada mes descubriremos, e aprenderemos, curiosidades nos máis variados campos que fan da nosa terra un lugar único.
Este mes dedicámolo aos monumentos megalíticos. Coincidindo coa proximidade do Solsticio de Verán realizaremos unha andaina na que tentaremos entender e percibir esa maxia que os nosos ancestros asociaban ás construccións de pedra.
Iremos ata o Monte Penide, situado entre Vigo e Redondela, que está considerado como a zona con maior número de vestixios do período entre o Neolítico e a Idade do Bronce: a mámoa do Rei, os muiños naviculares ou as vistas para o Val de Maceiras e a ría de Vigo son algúns dos atractivos desta zona.
Os participantes recibirán ao inicio da actividade un folleto con imaxes e características dos elementos máis característicos deste tipo de construcións. Ao rematar, dun modo divertido, os guías porán a proba os coñecementos adquiridos polos participantes.
Data: sábado 22 de xuño, de 11:00 a 13:30
Punto de encontro: Mámoa do Rei (Redondela) – 42°15’52.1″N 8°38’10.9″W
Inscrición: gratuíta en info@verdegaia.org, indicando o nome de cada persoa, un número de teléfono e especificando se algunha é menor de 14 anos