O 28% da poboación de Galicia respirou aire contaminado por enriba dos novos límites legais
O informe elaborado por Ecoloxistas en Acción analiza os datos compilados en 56 estacións oficiais de medición da calidade do aire instaladas en Galicia. Entre as súas principais conclusións, salientan:
- Durante 2023 a calidade do aire no conxunto de Galicia mellorou con respecto aos anos 2022 e anteriores á pandemia, cunha redución significativa dos niveis de partículas en suspensión (PM10 e PM2,5), dióxido de nitróxeno (NO2) e ozono troposférico (O3), en porcentaxes que oscilan entre o 15 % e o 73 % con respecto ás medias do período 2012-2019. Sen embargo, esta mellora non foi suficiente para garantir un aire realmente limpo para toda a poboación galega.
- O informe de Ecoloxistas en Acción toma como referencia os novos valores límite aprobados polo Parlamento Europeo o pasado 26 de abril, que deberán acadarse antes de 2030. De acordo con eses limiares, o aire contaminado afectou en 2023 a unha cuarta parte da poboación galega, a residente nas áreas metropolitanas da Coruña e Vigo.
- Considerando a normativa legal aínda vixente, non houbo poboación que respirase aire contaminado nin superficie exposta a niveis de contaminación que prexudican a vexetación, por encima dos obsoletos límites legais actuais.
- Se se teñen en conta os valores recomendados pola Organización Mundial da Saúde (OMS), moito máis estritos que os límites legais vixentes e novos, e o obxectivo a longo prazo da UE para protexer a vexetación, o aire contaminado afectou en 2023 a totalidade da poboación galega. En cambio, pola caída do ozono troposférico (O3) todo o territorio galego estivo libre de niveis de contaminación que danan a vexetación.
- A contaminación por partículas (PM10 e PM2,5) afectou principalmente as sete maiores áreas urbanas, Arteixo e a contorna de Alcoa San Cibrao e Cementos Oural (Sarria). A peor situación para estes contaminantes deuse na área metropolitana de Vigo, onde se superaron os novos valores límites legais aprobados para 2030.
- A polución por dióxido de nitróxeno (NO2) foi especialmente preocupante na Coruña e Vigo, nas que nalgunhas estacións incluso se incumpriu o novo límite legal anual deste contaminante para 2030. Tamén se excedeu o máis esixente valor límite anual recomendado pola OMS en Ourense, Pontevedra, Arteixo e na contorna de Cementos Oural (Sarria) e da planta de regasificación de Reganosa en Mugardos. A estación de medición da calidade do aire ligada a esta planta só entrou en funcionamento en 2023, 15 anos despois de que comezase a operar a planta.
- O cadro xeral que presenta Galicia é o dun territorio con catro principais fontes de contaminación, relacionadas maioritariamente coa transformación e o uso final de enerxía fósil: o tráfico motorizado urbano; algunhas grandes industrias; as centrais termoeléctricas de gas fósil, biomasa e, até outubro do ano pasado, de carbón; e o tráfico marítimo.
- Vencido hai ano e medio o prazo para que todos os municipios de máis de 50.000 habitantes establezan zonas de baixas emisións, para melloraren a calidade do aire e reduciren as emisións de dióxido de carbono (CO2) causante de cambio climático, Ferrol, Lugo, Ourense, Santiago e Vigo aínda non as implantaron, mentres a aprobada na Coruña é anecdótica pola súa mínima extensión, sendo máis ambiciosa a de Pontevedra.
- Tamén é lamentábel que os municipios con maiores problemas de contaminación, A Coruña e Vigo, carezan de protocolos de actuación fronte a episodios de contaminación atmosférica como os que periodicamente os afectan, mentres a Xunta actualizou recentemente o protocolo autonómico. Este inclúe un catálogo xenérico de medidas cuxa adopción se deixa á discrecionalidade do seu órgano xestor.